Noticias

Sandiás celebra as VIII Xornadas Micolóxicas

Sandiás celebrou o pasado sábado 14 de novembro as VIII Xornadas Micolóxicas, unha actividade organizada polo Concello coa colaboración da Asociación Micolóxica Os Cogordos de Ourense.

A cita reuniu 22 participantes nun roteiro polos montes de Cerredelo e San Bieito da Uceira.

Sandiás celebra as VIII Xornadas Micolóxicas

A pesar do orballo e das rachas de vento, os asistentes percorreron durante a mañá diferentes camiños e corredoiras da contorna para buscar, recoller e identificar cogomelos.

Sandiás celebra as VIII Xornadas Micolóxicas
Foto: Concello de Sandiás.

A actividade permitiu tamén coñecer a riqueza natural e etnográfica da zona, entre carballos, bidueiros e castiñeiros, así como antigos muros de pedra en seco e fontes de mina.

Sandiás celebra as VIII Xornadas Micolóxicas
Foto: Concello de Sandiás.

Despois da saída ao monte, a xornada continuou coa limpeza, preparación e cociñado dos exemplares recollidos. Xosé Luis, da Asociación Os Cogordos, ofreceu explicacións sobre as distintas especies, as súas características e os riscos de intoxicación.

Foto: Concello de Sandiás.

A participación de veciños de Sandiás e doutros puntos da provincia converteu o encontro nunha oportunidade para combinar divulgación micolóxica, gastronomía e coñecemento do patrimonio natural nunha xornada de convivencia arredor dos cogomelos.

Botón volver arriba