A cidade que queremos. Artigo de Carlos Jesús Montero Álvarez – Secretario de dependencia, discapacidade e diversidade da comisión executiva municipal do PSdeG-PSOE de Ourense
A actual parálise no desenvolvemento dos plans de organización e mobilización urbana que vive a cidade de Ourense é padecida con especial intensidade por todas aquelas persoas que presentan dificultades para desprazarse. A diario podemos comprobar as barreiras que atopan as persoas con mobilidade reducida e dependentes para poder realizar actividades da vida tan básicas como son dar un paseo pola cidade, ir á compra, recibir unha formación ou asistir a un curso, socializar con familiares e amizades, acceder a un emprego ou a espazos de ocio, facer uso dun servizo público ou entrar nun establecemento privado.
As dificultades que presentan, por exemplo, as persoas en cadeira de rodas para poder facer uso do espazo público son enormes: beirarrúas insuficientes e invadidas de obstáculos, rebaixes escasos ou mal deseñados, vehículos estacionados de xeito inadecuado, escasas zonas peonís, ausencia case total de sinais adaptadas a persoas con discapacidade calquera que sexa o seu rango de audición, visión, movemento ou outras habilidades cognitivas… a listaxe interminable de dificultades que atopan provoca sensación de abandono e afonda na exclusión dun colectivo que posúe dereitos e non pode exercelos pola parálise e desidia dunha administración local insensible e ineficiente.
A cidade que queremos
Esta problemática, padecida e coñecida polo conxunto das persoas que viven en Ourense, forma parte dos problemas detectados polo Grupo Motor do Proxecto Móvete por Ourense e que se concretaron no Plan de Mobilidade Urbana Sostible do Concello de Ourense presentado públicamente xa fai case 3 anos paralizado e sen rumbo ata o día de hoxe. Para o Concello seica non é unha prioridade.
Os representantes políticos teñen que adquirir a responsabilidade de deseñar unha cidade saudable e amable, un lugar onde as persoas con discapacidade ou en situación de dependencia poidan desenvolver un proxecto de vida. Unha cidade onde ninguén quede atrás, onde ninguén se sinta excluído. Comecemos a traballar na cidade que queremos. É urxente.
Carlos Jesús Montero Álvarez – Secretario de dependencia, discapacidade e diversidade da comisión executiva municipal do PSdeG-PSOE de Ourense