Atopada unha nova Mámoa en Cartelle – David Sabucedo, Amigos do Patrimonio de Toén.
Amigos do Patrimonio de Toén descobre un túmulo sen inventariar no Monte dos Castros
A asociación Amigos do Patrimonio de Toén ven de facer público o descubrimento dunha mámoa na paraxe das Sete Buratas, no concello de Cartelle e moi perto do lindeiro deste ca parroquia de Xestosa (Toén).
Atopada unha nova Mámoa en Cartelle
O túmulo foi descuberto polos membros do colectivo en febreiro deste ano, non podendo ser rexistrada por Patrimonio ata o pasado 14 de outubro cando se achegou ó lugar o arqueólogo Manuel García Valdeiras que inventariou o xacemento.
Sete Buratas
A proximidade da mámoa ó lindeiro entre Toén e Cartelle fai supor que poido ter a función de marco de término, xa fose dos señoríos no antigo réxime ou mesmo dos municipios contemporáneos; a súa situación nun coto fai dela un elemento a destacar na paisaxe. Pode que esta función delimitadora fose o que axudase a súa conservación ata os nosos días. Os arqueólogos non desbotan a idea de que poida haber máis túmulos naquel lugar, podendo ser o nome de Sete Buratas unha referencia a estes sepulcros megalíticos, pois a inmensa maioría deles presentan un “burato” que sería o cono de violación (abertura feita na mámoa para o seu saqueo), polo de agora só apareceu unha das “buratas”.
A Mámoa de Cartelle
A mámoa é de grandes dimensións, tendo un diámetro de 25m e unha altura de 1,5m; presenta un cráter de violación de grandes dimensións (50cm de fondo, 9m de longo e 2m de ancho); e parece que se aprecia o que podería ser o corredor (túnel que comunicaba a cámara co exterior). A característica máis senlleira é o emprego de seixo branco tanto na súa coiraza (armazón de pétreo que cubría a mámoa) coma nas antas da súa cámara (pedras que conforman o dolmen), un elemento pouco común segundo sinala a arqueóloga Nerea Vilariño Salgueiro, que visitou o xacemento, o que fai dela un elemento singular. Hai que ter en conta que o xacemento emprázase sobre un afloramento deste material, segundo apuntou García Valdeiras, algo que queda reflectido tamén na toponimia pois ó seu carón está a paraxe chamada A Costa Branca.
O xacemento presenta varias alteracións da man do ser humano, un cortalumes pasa ó seu carón chegado a tocar a súa coiraza e por riba do túmulo hai rodeiras.
Dende Amigos do Patrimonio de Toén agardan que estas practicas rematen agora que é pública a súa localización e o futuro e conservación da mámoa das Sete Buratas quede garantido.
David Sabucedo Cardero, Amigos do Patrimonio de Toén.