Noticias

A veciñanza mobilízase contra o polígono híbrido no Coto Novelle

Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova convoca a participación na I Marcha en Defensa do Coto Novelle, que se celebrará este domingo, día 1 de xuño, en Cartelle.

O punto de encontro será na feira local, ás 9:30 horas, para partir en coches ata Calvelos, onde se iniciará a andaina.

A veciñanza mobilízase contra o polígono híbrido no Coto Novelle

A marcha, de aproximadamente 10 quilómetros e dificultade media-baixa, busca alertar sobre os impactos ambientais, paisaxísticos e culturais da instalación dun macropolígono eólico e dunha planta fotovoltaica no Coto Novelle. Desde a organización recomendan levar roupa axeitada para a calor, calzado deportivo, auga e froita.

Ao remate, ás 13:30 horas, celebrarase un xantar-xuntanza no centro social, no que se analizarán futuras accións contra a expansión eólica e fotovoltaica. As persoas participantes deben levar a súa comida.

O proxecto, promovido pola compañía Aratel, de capital madrileño e aragonés, contempla aeroxeradores de 220 metros e unha planta fotovoltaica con 16.000 módulos na Bouza. Estas instalacións supoñen unha ameaza para a continuidade de explotacións gandeiras que sustentan a economía local.

A plataforma contra o plan xa presentou preto de 2.000 alegacións, denunciando a estratexia da empresa de fragmentar a tramitación ambiental para evitar a avaliación estatal obrigatoria.

A marcha porá de manifesto os valores naturais e patrimoniais do Coto Novelle, parte do sistema hídrico dos ríos Arnoia e Miño. Tamén denunciará a acumulación de infraestruturas eléctricas en Cartelle e Castrelo do Miño, que poñen en risco a saúde e o equilibrio social.

Esta semana tamén se coñeceu que Castrelo sería o punto de evacuación de cinco novos macroparques eólicos. Entre os cinco suman máis de 70 aeroxeradores e case 291 MW de potencia, proxectados na fronteira coas provincias de Pontevedra e Lugo.

A veciñanza mobilízase contra o polígono híbrido no Coto Novelle
Foto: Xurés Celanova Plataforma

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.