O proxecto de Aratel deberá someterse agora a unha avaliación ambiental ordinaria polos posibles impactos sobre patrimonio, paisaxe, fauna e sistema hídrico.
A Dirección Xeral de Calidade Ambiental da Xunta de Galicia rexeitou o informe de impacto ambiental simplificado presentado pola empresa Aratel.
A Xunta rexeita a avaliación simplificada da fotovoltaica de Cartelle
O proxecto contemplaba instalar unha planta fotovoltaica no concello de Cartelle. Esta iniciativa contaba coa oposición de comunidades de montes e explotacións gandeiras afectadas.

Esta resolución sinala “erros, carencias, deficiencias ou incongruencias” na documentación presentada. Conclúe que o proxecto pode ter efectos significativos sobre o medio ambiente, polo que obriga ao promotor a someter a iniciativa a unha Avaliación Ambiental Ordinaria, máis esixente e detallada.
Entre outras cuestións, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural advirte de que non se pode descartar a existencia de bens arqueolóxicos na zona e esixe unha prospección arqueolóxica extensiva.
O Instituto de Estudos do Territorio alerta do impacto visual da planta sobre a paisaxe rural. A Confederación Hidrográfica Miño-Sil detectou incertezas técnicas sobre posibles afeccións ao dominio público hidráulico.
Pola súa banda, o colectivo Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova considera que a resolución confirma os riscos ambientais do proxecto e reclama que tamén se teñan en conta os posibles impactos acumulativos co parque eólico previsto no Coto Novelle.