A plataforma Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova organiza o domingo 1 de xuño a I Marcha en Defensa do Coto Novelle.
A convocatoria consiste nunha andaina de 10 km con saída en Calvelos (Cartelle) para reivindicar a protección do monte fronte aos plans de instalación dun polígono eólico e fotovoltaico.
Marcha en defensa do Coto Novelle en Cartelle o 1 de xuño
A mobilización, promovida pola plataforma Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova, convoca á veciñanza da Terra de Celanova, da comarca do Ribeiro e aos colectivos ecoloxistas e sociais a sumarse á primeira marcha reivindicativa en defensa do Coto Novelle. A andaina, con formato circular e un percorrido de arredor de 10 quilómetros, sairá desde a aldea de Calvelos, no concello de Cartelle.
O obxectivo da iniciativa é poñer en valor a biodiversidade, os recursos hídricos e o patrimonio paisaxístico e histórico do monte que separa as concas dos ríos Arnoia e Miño. Este espazo estaría ameazado polo proxecto dun polígono híbrido promovido pola empresa Aratel, con sede en Madrid e Aragón.
A oposición veciñal a este macroproxecto intensificouse desde finais de 2024. Naquel intre comezou a recollida de sinaturas e a presentación de alegacións nas feiras de Celanova, Ribadavia, Cartelle e Castrelo. En total, recolléronse máis de 1.200 sinaturas contra o polígono eólico e máis de 600 contra a planta fotovoltaica que afectaría directamente as aldeas de Reigoso, Os Pereiros e A Bouza.
O pasado 9 de febreiro, esta loita ambiental tivo un novo episodio coa celebración dunha concentración en Cartelle. Na mesma participaron colectivos ecoloxistas, sindicatos e organizacións políticas da provincia. A protesta inscribíase nunha xornada de mobilizacións por toda Galiza contra a proliferación de grandes proxectos enerxéticos sen consenso social nin garantías ambientais.

A marcha do 1 de xuño busca visibilizar o rexeitamento da veciñanza ao modelo enerxético que representan estas macroinstalacións. Tamén pretende reforzar a defensa do territorio como patrimonio común.