O concello de Barbadás mellora as instalacións da escola infantil coa instalación dun pavimento continuo de caucho. A inversión realizada polo concello ascende a 22.652,55€ e permitirá ós máis cativos dispor dunha mellor zona de xogos. Os nenos e nenas de 0 a 3 anos que fan uso destas instalacións tamén viron ampliada a zona que usan para xogar. «Esta semana os cativos e cativas da Escola Infantil estrearon novo parque como consecuencia da reforma da zona de xogos exterior con máis seguridade e máis atractiva» indica Marga Pérez, concelleira de Cultura de Barbadás.
