O grupo municipal do BNG en Ourense esixe un novo orzamento para apoiar as modificacións de crédito que formula o goberno de Pérez Jácome.
A proposta do goberno municipal de Ourense de realizar dez modificacións de crédito por un importe de máis de vinte e dous millóns de euros non contará polo de agora co apoio do BNG.
O BNG esixe un novo orzamento para apoiar as modificacións de crédito
Luís Seara, voceiro nacionalista, compareceu ante os medios para indicar que «é unha absoluta tomadura de pelo que ano tras ano nos atopemos no último trimestre con esta situación».
Desde a formación nacionalista lembra que «xa no mandato pasado pero especialmente no que vai deste, levamos pedido por activa e por pasiva que Jácome presente un borrador de Orzamentos». Esta situación leva a que «ao ser no último trimestre do ano, poderá incorporalas no caso de que foran aprobadas, ao exercicio seguinte, é dicir, tería un Orzamento de facto, no que só mete o que a el lle interesa, sen necesidade de sentar a negociar coa Oposición».
Lembra Luís Seara que Pérez Jácome «non ten maioría absoluta e polo tanto non pode facer o que lle peta, pretendendo ademais que os demais sexamos os pafagantas da festa». Para por fin a esta situación, desde o BNG solicitan negociar un novo orzamento. «Estamos disposto a sentar á mesa para negociar, soamente sentaremos a falar do Orzamento”.