Noa Presas propón aumentar as compensacións pola suba dos combustibles e fertilizantes e apoiar as pequenas explotacións.
A candidata do BNG por Ourense ás eleccións do 29 de novembro, Noa Presas, reclama medidas para garantir prezos xustos e evitar que agricultores e gandeiros vendan por debaixo dos custos de produción.
O BNG reclama prezos xustos para o agro ourensán
Acompañada polos candidatos Bernardo Varela e Mirian Opazo e polo candidato á Alcaldía de Xinzo, Camilo Vila, Presas propuxo aumentar as axudas polo encarecemento dos combustibles e fertilizantes, axilizar os pagamentos e reforzar o apoio ás pequenas e medianas explotacións.

O BNG tamén pide máis controis sobre as compañías enerxéticas e distribuidoras e medidas extraordinarias para compensar o incremento dos custos de produción.
Presas defende que o sector precisa “prezos xustos e unha voz propia que defenda os seus intereses con firmeza en Madrid” e considera que a actividade agrogandeira é fundamental para o emprego e a fixación de poboación no rural.

