O BNG de Ourense valora a futura concesión do transporte urbano da cidade do que nada se sabe ata o momento.
Os representantes do BNG no concello de Ourense compareceron en rolda de prensa para analizar a situación deste servizo.
O BNG valora a futura concesión do transporte urbano
«Vai facer un ano comparecemos diante de todas e todos vós para falar da situación do transporte municipal. Faciámolo logo de preguntar en reiteradas ocasións ao Concelleiro delegado polos puntos de recarga para os autobuses eléctricos que levaban meses parados nunha nave» comezaba dicindo Luís Seara, voceiro nacionalista.
Ante a pregunta de si estes puntos de carga se instalarían na nave dunha empresa privada, a resposta foi afirmativa. «Dixemos daquela que nos parecía insólito que o Concello pagara con cartos públicos, preto de 50 mil euros, uns puntos de recarga nunha nave propiedade dunha empresa privada que, aínda que presta un servizo en precario, non ten ningunha relación contractual co Concello».

Afirma Seara que «da a sensación de que está feito a medida» cando se refire ó futuro contrato do transporte urbano. «Podemos dicir que se materializou o traxe a medida do que falábamos. Un traxe de 50 millóns de euros».
Conclúe Seara indicando que «hai un evidente trato de privilexio á actual empresa que xestiona o servizo porque esta xa ten unha nave da súa propiedade e ademais xa ten un proxecto de electrificación bendecido polo Concello e que fai parte dos pregos técnicos. O resto das empresas terán que buscar un espazo e deseñar un proxecto de electrificación que poida competir co de Urbanos de Ourense».