Entrevistas

Brais Lorenzo, fotografando a historia

Dicir que Brais Lorenzo ten como ocupación andar fotografando a historia non é unha esaxeración. Algunha das fotos que saíron da cámara deste artista de Ourense xa forman parte dos arquivos históricos da nosa sociedade.

Un dos nomes do momento nos últimos meses é o fotógrafo de Ourense Brais Lorenzo. A importancia do seu traballo transcende ó paso do tempo sendo unha testemuña gráfica dun dos períodos máis duros que a sociedade tivo que vivir en moito tempo. Mostrar a realidade da pandemia a través dun obxectivo é algo que Brais Lorenzo conseguiu. Imaxes cheas de esperanza nun entorno de dor, medo e morte.

Entender o pasado a través das imaxes será máis doado grazas o traballo que fotoxornalistas como Brais levan a cabo.

Brais Lorenzo

Brais Lorenzo, fotografando a historia

Este profesional da imaxe nado en Ourense xa ten unha bagaxe de gran valía. Os xornais de maior tirada de España como El País, El Mundo, ABC e incluso o inglés The Guardian recorren ó traballo de Brais Lorenzo. Gañador de varios recoñecementos nos últimos meses, non dubida en mostrar a precariedade da súa profesión.

Desde a realización deste entrevista ata a súa publicación, Brais Lorenzo foi solicitado para acudir a Ceuta a cubrir a crise migratoria. Alí, este fotógrafo de Ourense fixo o seu traballo, fotografar un pedazo de historia.

O camiño ata a fotografía

  • ¿Como chega Brais Lorenzo a ser fotógrafo?

Eu era mal estudante. Teño un certo resentimento con iso porque si puidera volver atrás aproveitaría mellor o tempo.

O primeiro contacto coa fotografía foi ós dez anos. Regaláronme unha cámara que facía catro fotogramas e xa me comezou a enganchar. Na miña casa tiña unha importante influencia artística e iso sempre tira. Con 18 anos comecei a moverme “polo mundo”. Nunha viaxe ía rexistrando todo cunha cámara ata que rompeu. Sentín a necesidade de mercar outra para seguir facendo fotos. Aí activóuseme algo, “non é normal que si non hai unha cámara non goces das vacacións”.

Estiven traballando mentres estudaba o bacharelato. Fun limpador de alfombras nunha tinturería, mozo de descarga, etc… ata que descubro que aquí en Ourense, na Escola de arte Antón Faílde, hai un ciclo Superior de Fotografía que oferta unhas becas de viaxe na India e en China. Estaban xuntas dúas cousas que me gustaban, as viaxes e a fotografía.

Matriculeime na Escola de artes e o aire que alí se respiraba e o ambiente, era outro. Comecei a descubrir a técnica fotográfica e quería seguir aprendendo, descubrira a miña vocación. O peor é que o curso só duraba dous anos. Henri Cartier Bresson, un dos grandes mestres da fotografía dicía que comezas a ser fotógrafo dez anos despois que é o tempo que levo traballando agora.

Ademais, co tempo demostrei que “si que podía” ser un bo estudante e de feito, só me falta o TFG (traballo de fin de grado) para finalizar a carreira de Xeografía e Historia.

  • Moitos alumnos reciben unha boa formación técnica e sen embargo quedan polo camiño ¿que calidade distingue o teu traballo?

Obviamente hai que ter un factor de sorte. No meu caso tiven a sorte de estudar cun fotógrafo de Ourense, Pablo Araújo, que xa estaba traballando cando eu remato. El colaboraba coa axencia EFE e recomendoume para ocupar o posto que el deixaba. Sabía que a min me gustaba o fotoxornalismo e coñecía o meu traballo. Chamáronme e dixen que si.

Foi unha casualidade pero hai que saber aproveitala. Cando entro en EFE, asígnanme cubrir a Alberto Núñez Feijóo cando ven a Ourense. Vas traballando e facéndoo ben. O bo dunha axencia é que o teu traballo é distribuído e o resto de medios van vendo o teu traballo. Así se me abre a porta do Faro de Vigo e así levo 10 anos colaborando con estes dous medios.

Comunicar a través dunha imaxe

  • Una imaxe vale máis que mil palabras, pero, ¿valórase unha boa foto?
Brais Lorenzo, fotografando a historia

Unha boa foto valórase pero estamos no momento das redes sociais cun consumo rapidísimo de imaxes. Consumimos moitas imaxes pero parámonos moi pouco con cada unha. Unha imaxe ten que ser impactante para que te pares con ela pero non significa que sexa boa.

A sociedade está educada visualmente para recoñecer cando algo é impactante e lle chama a atención aínda que non saiba moi ben por que.

No meu eido, preciso sempre un pé de foto que contextualice a imaxe. Iso tamén conta para que unha imaxe chegue e teña éxito. A unha imaxe dun tema social cunha carga emocional forte si lle engades unha historia detrás, un nome, unhas cifras ou un contexto, vese fortalecido.

  • ¿Por que se considera “comunicador” ó que pon o pe de foto e non ó fotógrafo que reflexa unha historia?

É o valor que se lle da a nosa profesión (fotoxornalismo) que está moi deostada. Vin recentemente un ranking onde estaba de cuarta por abaixo entre as profesións peor valoradas.

Para algúns, o fotoxornalismo significa molestar. Coa pandemia, parece que si demandamos entrar nun hospital ou nunha residencia de maiores a documentar un momento histórico só vamos a molestar. Parece que non somos necesarios, non somos imprescindibles e non somos esenciais a pesar de que o goberno de España nos declarou como esenciais durante o estado de alarma.

A sociedade non demanda ese dereito que ten a estar informada.

O fotoxornalismo

  • Destacabas recentemente a precariedade do fotoxornalismo… ¿cara onde vamos?

Só hai que ver como está o presente, fai uns días secuestraron en Africa a outro xornalista tras os asasinatos de David Beriain e Roberto Fraile. Están sendo secuestrados por querer informar, por darlle á sociedade ese dereito. Esta xente xógase a vida por informar. A estes perigos hai que sumar a precariedade salarial, profesionais que poñen os seus propios medios para traballar e que van ter un retorno económico que moitas veces non cubre o que eles gastaron. Isto provoca unha ausencia de información en todo o mundo.

O futuro agardo que se xa bo pero recentemente pregunteime si no futuro esta profesión existirá. Coa democratización da información mediante os teléfonos móbiles unido á precariedade laboral que existe, eu non sei si a profesión de fotoxornalista seguirá existindo dentro de 50 anos. A sociedade non demanda ese consumo de información de calidade. Iso provoca que os medios non o paguen, non o promovan e non o publiquen. Prescinden dos fotoxornalistas pois válenlle fotos de teléfonos móbiles de persoas sen unha linguaxe propia, unha formación e unha bagaxe profesional.

  • Durante a pandemia vimos que acudiches a unha unidade de coidados intensivos e a unha residencia de anciáns, ¿estabas cruzando unha liña vermella?

Estou para mostrar o que está sucedendo desde unha mirada subxectiva, a miña mirada. Somos como os notarios da actualidade, do que está sucedendo.

Brais Lorenzo, fotografando a historia
Elena Pérez, de 98 anos, cumpre 98 anos tras superar o coronavirus. A residencia San Carlos de Celanova foi unha das máis castigadas pola pandemia. Foto: Brais Lorenzo

Eu non me comparo cun médico, non estou para salvar vidas, pero si considero igual de importante a miña profesión. Máis nun momento coma este. Si queres facer un traballo historiográfico sobre un momento pasado, os documentos gráficos enriquecen ese traballo, é un ben para a sociedade.

Os documentos gráficos que fixemos durante a pandemia agora mesmo xa teñen unha gran relevancia, era imprescindible facelos. A medida que pase o tempo, eses documentos serán un rexistro da nosa propia historia.

A dureza dunha imaxe

  • As túas fotografías reflicten a dureza da pandemia, ¿realmente foi más cruel do que mostran as imaxes?

Xa por accesos non puidemos reflectir a realidade. Cando eu entro nunha unidade de coidados intensivos en Ourense estamos xa na terceira ola e son o primeiro que entra nun hospital público en Galicia. Este rexistro gráfico ocorre na terceira ola.

O colapso sanitario durante a primeira e segunda ola non está documentado. A información estivo “censurada” e só se filtraron imaxes de mala calidade. A imaxe dos cadaleitos no Pazo de Xeo de Madrid é unha foto histórica para a nosa sociedade e non se puido facer. Esa imaxe que saíu é unha foto de mala calidade quitada cun móbil.

Aconteceron cousas moito máis dramáticas das que están rexistradas en documentos gráficas. Nós sabemos traballar aplicando un primeiro filtro, sabemos o que mostrar e o que non, o que pode ser sensible. Cando ves unha imaxe que é dura, no noso arquivo sempre hai imaxes máis duras que non ven a luz.

  • Cando vas a una unidade de coidados intensivos, a unha residencia de anciáns ou cobres un incendio, ¿onde pos o límite do que podes reflectir nunha foto?

Nunca fagas o que non queres que che fagan a ti. Si tes unha persoa enfronte que está entubada e non lle podo pedir permiso, tentarei camuflar a súa identidade, tratareino con respecto e aplicarei os meus propios límites. A imaxe ten que aportar información, non morbo. Temos que saber afrontar este tipo de traballos con sensibilidade por que temos unha gran responsabilidade.

Brais Lorenzo, fotografando a historia
Manuela Barja, de 83 anos, camiña por unha zona arrasada por un incendio en Vilar de Santos. Foto: Brais Lorenzo

Hai que ter en conta que cando mostramos unha imaxe excesivamente dura ou explícita a mensaxe non chega ben, creas un rexeitamento no espectador. Eu quero que as miñas imaxes se consuman, que fagan reflexionar e se entenda o que está acontecendo.

O presente e o futuro de Brais Lorenzo

  • En que cambiou a situación de Brais Lorenzo no último ano?

Non cambiou practicamente nada. Eu non son moito de premios e consideraba que non tiña nada “decente” que presentar. Neste último ano si que é certo que consideraba que tiña un bo traballo. Rosa Escribano, subdirectora gráfica de EFE, e outros compañeiros animáronme e decidín presentarme.

A sociedade en si recoñece ós triunfadores e nese senso pode abrirche algunhas portas laborais, evolucionar e ter visibilidade. Estas circunstancias funcionan así e ti tes que saber aproveitalas e gozalas mantendo os pés na terra. Eu son o mesmo fotógrafo antes e despois dos premios.

Nas carreiras profesionais pode haber puntos de inflexión e na miña puido ser a pandemia. Aprendín a afrontar o traballo máis individualmente, sen depender tanto de traballar con redactores. Xestionei todo eu, os accesos ás residencias, buscar contactos, facer chamadas, etc…

O meu traballo en si non cambiou nada, sigo pagando as facturas e teño a mesma situación laboral. Esta é unha profesión tan precaria que aínda que gañes o maior premio do mundo segues estando en precario.

  • Algún proxecto que teñas en mente para o futuro?

Estou no punto de intentar diversificar con outras cousas. Estou preparando unha web onde vou a vender obras. Tamén miro a outros negocios alleos á fotografía pois penso que o camiño está en diversificar para que cando as cousas van mal, ter unha alternativa.

A nivel fotográfico teño moitas ganas de viaxar, traballar en temática social e vivir experiencias. Conxugar as viaxes coa miña paixón pola fotografía é a miña máxima finalidade. Teño en camiño un proxecto con outros compañeiros da fotografía e tamén estamos tentando por en marcha un proxecto co grafiteiro Mon Devane.

Brais Lorenzo, fotografando a historia – entrevista realizada o 6 de maio de 2021.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Botón volver arriba