O servizo de Tramitación Penal do Tribunal de Instancia de Ourense sofre unha situación límite pola falta de persoal e o aumento dos asuntos pendentes.
Así o denuncia Alternativas na Xustiza, que reclama reforzos urxentes e critica a falta de resposta ás peticións formuladas desde febreiro de 2026.
Alternativas na Xustiza alerta do colapso da tramitación penal en Ourense
Segundo o sindicato, o cadro de persoal reduciuse de 18 a 13 traballadores, un 28 % menos. Ademais, tres empregados deben asumir semanalmente as quendas de garda. A próxima implantación da aplicación ATENEA, sen formación presencial adecuada, tamén podería agravar as dificultades.

Os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial reflicten un incremento do 100,74 % nas causas pendentes de incoar, que pasaron de 135 a 271 entre decembro de 2025 e setembro de 2026. As causas prorrogadas creceron un 90,51 % e as dilixencias leves un 23,52 %.
Alternativas na Xustiza advirte de que a sobrecarga provoca atrasos no inicio dos novos procedementos e dificulta cumprir os prazos legais. Por iso, reclama aumentar os efectivos e garantir formación adecuada antes da implantación de ATENEA.

