As aventuras do cómic galego ourensán Miquits comezan a súa expansión internacional coa publicación das súas primeiras historias en ruso e a futura chegada ao mercado dos Estados Unidos.
As dúas primeiras entregas desta colección, protagonizada por un gato intrépido e moi ourensán, foron creadas polos autores da Limia Alba De Evan e Xabier Domínguez e publicadas por Antela Editorial.
O cómic galego Miquits expándese a Rusia e Estados Unidos
Agora darán o salto ao mercado internacional coa súa tradución ao ruso da man da editorial Clever. Esta editorial é unha das máis recoñecidas no ámbito da literatura infantil e xuvenil en Rusia. Ademais, tamén está asinada a tradución ao inglés para a súa publicación nos Estados Unidos.

A colección segue así o camiño doutras obras da editorial ourensá que xa foron traducidas a idiomas como castelán, portugués ou francés. A editorial Antela consolida unha traxectoria na que máis dunha decena de títulos foron publicados noutras linguas nos últimos anos.
Este paso supón un novo impulso para a proxección internacional da literatura galega. A editorial Antela, ten a súa sede no rural de Ourense, no concello de Vilar de Barrio. Desde os seus inicios, aposta polo talento local, a lingua galega e as historias nacidas na contorna da provincia.
A publicación en ruso dos dous primeiros libros de Miquits confirma tamén o interese que esperta esta proposta narrativa fóra de Galicia. O cómic combina humor, amizade e misterio, cun estilo áxil e unha estética visual atractiva que conquistou o público lector desde a súa primeira aparición.
O protagonista, un gato curioso, valente e cheo de personalidade, mantén nesta nova etapa internacional a esencia que o converteu nun referente entre os lectores máis novos.

Desde Antela Editorial subliñan que “historias como Miquits, creadas desde Ourense con compromiso cultural e coidado editorial, amosan que o rural galego tamén pode marcar tendencia no mundo do libro. Vivimos un momento ilusionante para a literatura galega, con novas voces, editoras comprometidas e unha crecente proxección internacional”.