Denuncian o «secuestro» de varios parques infantís en Ourense por parte do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, unha vez rematas as obras de renovación.
O Partido Socialista do concello de Ourense denuncia que moitos cativos e cativas da cidade non poden facer uso de espazos de lecer a pesar de estar finalizadas as obras de remodelación.
Denuncian o secuestro de varios parques infantís en Ourense
«Ao alcalde non parece importarlle que a rapazada non teña un espazo digno de lecer, xa que ten múltiples zonas de xogo e recreo ao aire libre para a infancia totalmente clausuradas, malia estaren as obras de acondicionamento rematadas hai varios días», indica o concelleiro Borja Trigás.
Segundo o concelleiro socialista, o peche das instalacións é unha estratexia de Pérez Jácome para poder «cortar a cinta ás portas das eleccións».
Os parques onde xa remataron as obras pero que estarían «secuestrados» serían:
- Parque do Peco e o de San Rosendo, no barrio da Ponte;
- parque das Zapatillas, en San Francisco;
- rúa Bella Otero, en Barrocás;
- rúa Laza, próximo ao Xardín Botánico de Montealegre;
- praza da Marina e o da rúa Río Mao, no Vinteún;
- Francisco Añón Paz, no barrio do Couto.