O alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro, formalizou este luns a súa renuncia ao cargo durante o pleno da Corporación municipal.
Pon deste xeito fin a unha etapa de 13 anos á fronte do Concello.
Enrique Álvarez Barreiro deixa a Alcaldía de Vilamartín tras 13 anos
Na súa despedida, o rexedor fixo balance do seu mandato. Lembrou momentos especialmente difíciles como a pandemia e os incendios, así como actuacións realizadas en infraestruturas e servizos básicos nas distintas parroquias. Tamén destacou os proxectos executados e os que quedan en marcha.

Álvarez Barreiro agradeceu o apoio da veciñanza, dos concelleiros, do persoal municipal, das asociacións e da súa familia. Reivindicou na súa despedida unha forma de gobernar baseada na proximidade e no servizo público. “Voume coa satisfacción de ter sido o alcalde dos meus veciños, de ter traballado con honestidade, dedicación e respecto cara a todos”, afirmou.
Antes de rematar a súa intervención, pediu apoio e respecto para a nova corporación municipal e destacou que foi “unha honra representar ao noso concello e á súa xente”.
O relevo na Alcaldía será Sherezade Núñez, actual tenente de alcalde e deputada provincial. O pleno extraordinario de investidura celebrarase o vindeiro 20 de xuño ás 12:00 h no salón de plenos do Concello.