Entrevista a Ana Méndez Gil, voceira do PP no Concello de Ourense, presidenta da xestora local e directora xerente de Galicia Calidade.
Ana Méndez, voceira do PP no Concello de Ourense e presidenta da xestora local, comparte nesta entrevista a súa visión sobre o futuro do partido na cidade e os retos que afronta na política municipal.
Entrevista a Ana Méndez, voceira do PP no Concello de Ourense
Fala tamén da súa compatibilidade entre responsabilidades institucionais e políticas, a relación co resto dos partidos e co goberno local, o modelo de cidade que propón para Ourense e o papel que deberían xogar ámbitos como o turismo, o termalismo e a tecnoloxía. Tamén reflexiona sobre as prioridades do partido e as posibilidades de liderar unha futura candidatura á alcaldía.
Vostede asumiu recentemente a presidencia da xestora local do PP. Que obxectivos inmediatos se marcou para reforzar o partido en Ourense?
Mais que nada seguir, continuar co traballo que se estaba facendo pero dun xeito máis intenso. O máis importante é recuperar a ilusión da xente do partido por seguir este novo proxecto e por empezar a traballar intensamente pola xente de Ourense. Sobre todo iso, unha unión total de todo o partido a nivel da cidade e traballar todos xuntos por tódolos cidadáns de Ourense na medida na que dende o PP o podemos facer agora mesmo estando na oposición no Concello.
Os obxectivos inmediatos e principais son recuperar esa ilusión, porque somos un partido grande con xente moi boa, queremos facer unión porque todos xuntos podemos acadar cousas importantes.
Tamén é directora xerente de Galicia Calidade. Como compatibiliza este labor coa súa responsabilidade política?
A verdade é que non é doado. Tanto Galicia Calidade, como a portavocía no Grupo municipal popular, como a presidencia da Xestora requiren un traballo moi intenso. Polo de agora ímolo levando con moita ilusión e atendendo a grande responsabilidade que demandan. Moitísimo traballo pero é o momento de facelo e niso estamos mantendo o equilibrio entre esas tres cousas.

En política local, vostede recoñeceu publicamente que se abriron conversas con DO sobre os orzamentos. Que condicións pon o PP para un posible acordo?
Co tema dos orzamentos con D.O é o que imos repetindo estes días. Evidentemente estamos nunha posición que é complicada, pero somos o partido maioritario da oposición. A negociación e o traballo dos orzamentos estivo aberta ós tres partidos da oposición. Se o PSOE e o Bloque non queren negociar nada dos orzamentos non é culpa nosa.
O que nós temos que facer, porque consideramos que iso si que é responsable, é tratar de conseguir as cousas que nós creemos que teñen que ser «liñas vermellas» como axudar as AAVV que fan un labor importante nos barrios, ás entidades sociais que levan tempo sen cobrar e que precisan os cartos, igual que distintas inversións, obras que son necesarias para moitos barrios de Ourense.
Evidentemente, esas son “liñas vermellas” para nós e, claro que nós imos tratar de negociar o máximo posible para que esas “cousas” se cumpran porque volvemos ó de sempre. Negarse por sistema non nos vai levar a ningures, unicamente á paralización total e absoluta da cidade.
Repito, este é o noso modelo de cidade? Pois claro que non o é! Este é o noso modelo de xestión? Pois claro que non o é! en absoluto! Pero si podemos conseguir algo será mellor conseguir algo para a xente que non conseguir nada.
Que lle diría a quen pensa que as decisións clave no Concello se toman ás costas da cidadanía? Cre que falta transparencia na política local?
Eu diría que evidentemente falta transparencia na política local, porque este goberno faino todo segundo ó seu xeito. Si é certo que fai cousas que pide a cidadanía e que gustan porque os votos aí están, o alcalde gañou unhas eleccións.

Outra cousa é que despois el tome as decisións que el considere para o seu beneficio político e do seu partido. Entón transparencia? Por suposto que falta. A nós gustaríanos máis que houbera un diálogo fluído con todos os grupos da oposición e sobre todo cos cidadáns.
Non queremos facer as cousas porque “eu o digo” pero este é o goberno que hai e que foi elixido polos cidadáns.
Cre que a cidadanía entende a relación institucional entre DO e o PP?
Entendo que sexa algo complicado de entender. Cando eu entrei tamén me parecía complicado de entender. Unha relación entre os dous partidos, pero e que co tempo démonos conta de que estamos no lugar que estamos, na oposición. Cando escoito as necesidades dos cidadáns, piden cousas que son totalmente acaídas, e nós o que tratamos é solucionar eses problemas na medida que podemos. Estar na oposición é moi complicado. As cousas conseguense de mellor xeito cando se está con maioría absoluta, pero mentres siga habendo este escenario, temos que tratar de que a situación sexa a mellor posible para a cidadanía de Ourense. Podo entender que a xente non o comprenda, pero, de verdade que estamos facendo un gran traballo para poder levar as cousas do mellor xeito posible.
Ana Méndez: “Queremos que Ourense recupere a súa ilusión”
Como valora a cooperación entre Concello, Deputación e Xunta?
Aquí sabemos de sobra que a cooperación existe entre Deputación e Xunta, porque a cooperación co Concello é mais ben pouca. Mentres no PP esteamos gobernado Xunta e Deputación a colaboración vai ser sempre fluída e vanse seguir cumprindo todos os compromisos do Presidente Rueda con Ourense.
O Concelllo, el saberá o que quere facer.
Está Ourense ben aliñada cos proxectos estratéxicos de Galicia?
Pois por suposto NON o está porque este alcalde toma as decisións de forma individual, sen contar con ninguén. Así, con esa nula cooperación, malamente se pode estar aliñado cos proxectos estratéxicos de Galicia.

Cal é o seu modelo de cidade para Ourense? Que papel deben xogar o termalismo, o turismo ou a tecnoloxía?
Por suposto, como dixen nunha intervención ó outro día no pleno, o noso modelo de cidade é un modelo no que o Termalismo é a aposta fundamental. Apostamos polo turismo AVE que temos aí chegando a Ourense, apostamos polos estudantes e polo comercio.
Aposta polas inversións para atraer a empresas, apostas por tecnoloxía e por postos de traballo, apostas por facer unha cidade máis sana e máis axeitada para a xente maior e para rapaces. Unha cidade máis verde, unha boa mobilidade, unha cidade limpa, unha cidade que poña en valor o tesouro cultural que ten Ourense.
Temos un casco histórico excepcional que está totalmente abandonado. A cultura brilla pola súa ausencia. Todo iso é o noso modelo de cidade. Unha xestión recta, unha xestión boa de todos os recursos económicos que temos.
Que a motivou a implicarse na política local?
Eu sempre fun unha persoa inqueda, pero isto veu a raíz de entrar en Galicia Calidade. Eu veño da empresa privada, da empresa familiar. Déronme a oportunidade de entrar co selo de Galicia Calidade e a política local veu despois. A verdade é que eu si que penso que vivimos un momento no que a política está un pouco «denostada» pero sigo crendo que a política que ten que volver debe ser unha política de traballo, de servizo ós cidadáns, e non neste enfrontamento diario no que se converteu agora.
Como cambiou a súa visión da cidade desde que ocupa responsabilidades públicas?
Vexo que hai moito que facer. Que Ourense ten un potencial enorme para ser una cidade importante. Temos que arranxar os problemas, temos moito que ofrecer e moito que arranxar. Esa percepción aumentou moitísimo desde que estou con responsabilidades públicas.
Vese encabezando unha futura candidatura do PP á alcaldía de Ourense no ano 2027?
Eu vou seguir traballando polo PP e sobre todo por Ourense e polos cidadáns e cidadás. Dar o 100% de min porque o merece Ourense e tamén o PP. Si chegado o momento o partido quere contar comigo eu encantada si ven que son unha posibilidade e si a xente quere e cree.
Pero ollo, sempre con mellor equipo detrás. Non é cuestión de quen se pon de cabeza de lista, aquí é cuestión de que se cree unha lista cun equipo que teña experiencia no traballo, un equipo forte para poder traballar para a cidadanía. Despois que unha persoa estea encabezando solo vai ter éxito si o equipo que leva detrás é un bo equipo.