Os estudantes de 1º e 2º da ESO do IES Lauro Olmo de O Barco de Valdeorras dedicarán o xoves e o venres desta semana a crear programas de radio desde a súa aula.
O obxectivo desta actividade é loitar contra o machismo, os abusos ambientais e o discurso de odio contra a migración e o colectivo LGTBIQ+.
O IES Lauro Olmo loita contra a discriminación a través da radio
Esta iniciativa forma parte do proxecto de educación en valores «Activistas polo mundo queremos», no que o alumnado participa dende comezos de curso. En obradoiros anteriores, os estudantes aprenderon sobre o activismo en Galicia e noutras partes do mundo. Tamén reflexionaron sobre o papel das ferramentas comunicativas, como a radio, na súa loita por un mundo máis xusto.
Agora, convertidos en xornalistas, os mozos e mozas investigaron, redactaron os guións das súa reportaxes e gravarán os seus programas en «falso directo«. Con esta iniciativa promoven a denuncia social e a reflexión crítica.

O alumnado do IES Lauro Olmo súmase aos case 300 adolescentes de Ponteareas, A Estrada e Negreira que participan este ano na 12ª edición de «Activistas polo mundo queremos». Desde o seu inicio en 2013, este proxecto de educación para a cidadanía global xa chegou a 76 centros educativos. Isto supuxo implicar a 305 docentes e máis de 5.000 estudantes.
«Activistas polo mundo queremos» forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O proxecto fáise realidade grazas á colaboración de tres ONGDs: Solidariedade Internacional de Galicia, a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e a Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP), coa financiación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia.