Eventos

Semana das Letras Galegas 2025 en Verín homenaxea ás cantareiras

A concelleira de Turismo, Cultura e Festexos do Concello de Verín, Samanta Barreira, presentou este 1 de maio no salón de plenos a programación da Semana das Letras Galegas 2025.

Esta programación desenvolverase do 10 ao 18 de maio cun amplo abano de actividades culturais, musicais e teatrais para todos os públicos.

Semana das Letras Galegas 2025 en Verín homenaxea ás cantareiras

Barreira puxo o foco nesta edición no papel das cantareiras e das asociacións de mulleres rurais como gardiás vivas da lingua e a identidade galega: “Este ano pomos en valor o papel fundamental das cantareiras na preservación da nosa lingua e cultura, a través dunha programación que combina tradición, innovación e participación cidadá”.

A concelleira Samanta Barreira destaca o papel esencial das mulleres na transmisión da cultura popular.

A concelleira quixo destacar tamén a forza do tecido asociativo feminino da comarca: “As nosas agrupacións e asociacións de mulleres rurais foron e seguen sendo auténticos motores de dinamización sociocultural. É xusto recoñecerlles publicamente a súa entrega e agradecerlles que leven décadas mantendo viva a nosa identidade a través da música, do baile, da palabra ou da solidariedade”.

Trisca, concertos e reflexión cultural

A programación arrincará o sábado 10 de maio ás 17:00 horas na Preguiza, coa “Trisca da Preguiza”. Este encontro festivo contará coas agrupacións locais Candaira, Silverias do Támega, As Travesas, As Torgueiras, Os Trouleiros e diversas Asociacións de Mulleres Rurais. O espazo encherase de música tradicional, xogos populares e un obradoiro de baile aberto a toda a veciñanza.

Ese mesmo día, ás 21:00 horas, o grupo Ailá ofrecerá un concerto que fusiona tradición galega con sonoridades contemporáneas.

A programación continuará o luns 12 de maio coa inauguración da exposición “Pensamentos Fuxidos” do artista Xosé Rivada, na Sala de Exposicións de Verín, que permanecerá aberta durante todo o mes.

O martes 13, ás 20:00 horas no Auditorio, o alumnado do Conservatorio de Música de Verín ofrecerá unha audición de conxuntos instrumentais.

O xoves 15, o músico e investigador Xabier Díaz protagonizará a palestra “Metendo as mans na terra”. Esta actividade é un percorrido pola tradición musical galega a través da súa experiencia persoal na recolla e reinterpretación de cancións populares.

Espazo para a infancia e homenaxes literarias

O venres 16 de maio estará centrado no público máis novo. Pola mañá, máis de 600 nenos e nenas dos CEIPs públicos Amaro Refojo e Princesa de España participarán na actividade “Os coles cantan” na Praza García Barbón, interpretando cancións tradicionais. Pola tarde, ás 18:00 horas, a compañía Galitoon Teatro presentará o espectáculo de monicreques “Os Descontacontos” na Biblioteca Municipal.

O sábado 17, ás 18:00 horas, representarase a obra de teatro infantil “Castelao. Un corazón á intemperie”, da compañía Fantoches Baj, unha proposta visual e educativa sobre a vida do autor de Sempre en Galiza.

A Semana das Letras Galegas pecharase o domingo 18 de maio ás 11:30 horas co tradicional acto institucional: a Gala Músico Literaria no Auditorio Municipal. Neste acto entregaranse os premios dos certames escolares de poesía e relato curto convocados polo Concello de Verín coa colaboración de GADIS.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.