O novo Punto de Encontro Familiar (PEF) de Verín entrou en funcionamento este martes tras un investimento da Xunta de preto de 240.000 euros para a súa construción.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou as instalacións. Estas teñen como finalidade garantir o benestar da infancia en situacións de desprotección derivadas de procesos xudiciais ou conflitos familiares.
Verín estrea un novo Punto de Encontro Familiar
Durante a visita, Pardo destacou que a Consellería de Política Social e Igualdade destinou ademais 95.000 euros á creación dunha zona exterior de lecer. Así converten este recurso no primeiro Punto de Encontro Familiar de Galicia en contar cun espazo deste tipo.

A área exterior, de uso voluntario para as familias usuarias, dispón de peche perimetral, bancos, unha zona infantil con randeeiras e outros elementos de xogo, ademais da plantación de varias árbores para mellorar o entorno.
O delegado explicou tamén que este PEF será xestionado pola Fundación Educativa e Social Dignidade mediante a fórmula do concerto social. Este modelo é o empregado en todos os puntos de encontro familiar de Galicia. A Xunta destinará máis de 400.000 euros ata 2029 para garantir a prestación do servizo.
Manuel Pardo lembrou que os Puntos de Encontro Familiar son recursos especializados e de carácter neutral. Estes espazos permiten preservar a relación entre os menores e as súas familias en situacións de crise, facilitando o cumprimento do réxime de visitas establecido pola autoridade competente e velando sempre pola seguridade e o benestar da infancia.
O responsable autonómico incidiu en que estes servizos están pensados para favorecer os vínculos familiares en casos de separación, divorcio, tutela ou outras situacións que interrompan a convivencia, especialmente cando o exercicio do dereito de visitas resulta difícil ou conflitivo.

