A Ministra de Educación, Pilar Alegría, participa nun acto do PSdeG-PSOE no barco de Valdeorras para apoiar a candidatura de Gómez Besteiro á Xunta de Galicia.
Pilar Alegría, portavoz do goberno, recordou que o seu partido aposta «por tres piares claves como son o emprego, os dereitos sociais e a convivencia».
A Ministra Pilar Alegría participa nun acto no Barco
Durante a súa intervención, Pilar Alegría destacou que «o pais traslada hoxe unha imaxe forte e en plena forma, motivada polo crecemento da economía española a un 2,5%, moi por riba das previsións, o que deixa claro que o PSOE aposta polo crecemento económico, a creación de emprego, a subida das pensións e o potenciamento de sectores claves como o turismo».
Carmen Rodríguez Dacosta, cabeza de lista da candidatura socialista por Ourense, sinalou que a comarca de Valdeorras «é dos mellores exemplos que temos na provincia da destrución da sanidade pública que está levando a cabo o PP». Ante esta situación, Dacosta recordou que «con Besteiro ao fronte da Xunta, solucionaremos os problemas sanitarios, melloraremos as infraestruturas, xeraremos emprego e apostaremos pola vivenda pública, a mocidade, e por suposto, por unha atención digna aos nosos maiores».
Eladio Santos, integrante da candidatura puxo o foco na necesidade de traballar «conseguindo información nos concellos, escoitando á veciñanza e buscando solucións os seus problemas e necesidades».
Pola súa parte, Alfredo García Rodríguez, alcalde do Barco, dixo que «ano tras ano imos a peor, cun goberno autonómico que desmantela os servizos fundamentais para o Barco e a comarca, buscando o peche do hospital comarcal».