Relato breve de Hugo Javier Freitas. Historiador e profesor de Historia en Bos Aires (Arxentina).
Carta de Xosé á súa nai desde Bos Aires
Morriña 1909
Querida nai:
Non sei ben por onde comezar esta carta. Hai días que penso en ti, na casa e en todo o que deixei atrás cando saín aquela mañá fría, antes de que amencese. Aínda podo ver o camiño húmido, o galiñeiro, a fiestra da cociña e a luz apagada. Todo iso segue comigo, aínda que agora estea tan lonxe.

Ás veces o que estou a vivir paréceme un soño. Outras, o recordo dun recordo. Cheguei a Bos Aires baixo unha chuvia torrencial de xaneiro, en pleno verán, e aínda me custa escribilo: xa estou aquí, na outra beira do océano.
A viaxe foi longa e dura, moito máis do que imaxinaba. Houbo días nos que pensei que non o ía conseguir, noites nas que o medo me apertaba o peito e o mar parecía non rematar nunca. Tamén houbo momentos nos que pensei en volver, aínda sen ter chegado. Nunca crin que sería tan difícil. Pero resistín. Pensaba en ti, e iso sostívome.
Esta cidade é grande e estraña, nai. Moi grande. Hai xente por todas partes, voces distintas, cheiros que non recoñezo, carros, tranvías, edificios que parecen non rematar nunca. Moitas veces síntome perdido, coma se fose pequeno outra vez. E, con todo, tamén sinto que fixen o correcto. Aquí hai traballo. Non é doado, pero hai oportunidade.
Eu vou saír adiante. Non te preocupes por min. O vello Eduardo, dono da panadaría e paisano, botoume unha man. Dáme teito e traballo, e durmo a un lado, onde me deixan. Non foi comodidade o que vin buscar, senón futuro. E se Deus quere, cando xunte cartos dabondo, vou poder axudarvos a ti e aos meus irmáns. Sei ben que aí as cousas están difíciles. Iso é o que me dá forza.
Estraño Galicia
Estráño todo moito máis do que pensaba. Estraño o cheiro da terra mollada polas mañás, as feiras, a voz de pai, e sobre todo as túas mans e as túas comidas. Estraño Galicia. Ás veces descubro que vou falando só, coma se aínda estivese alá, coma se en calquera momento fose cruzar o patio e entrar na casa.
Prometinche escribirche en canto chegase, e aquí estou, cumprindo a miña palabra. Non sei cando vou volver, nin sequera sei se voltarei algunha vez. Pero quero que saibas que estou ben e que, a pesar de todo, non me arrepinto. Todo o que fago é pensando en vós.
Dálle unha aperta aos meus irmáns. Dille a pai que estou traballando e que non esquezo nada do que me ensinou. E ti, nai, cóidate moito.
Teu fillo,
Xosé