A concelleira do BNG, Nuria Feijóo, censura o proceder do alcalde de Barbadás no pleno municipal que tivo lugar o pasado luns.
Ante esta situación, o grupo municipal do BNG de Barbadás proporá unha modificación do Regulamento Orgánico Municipal.
Nuria Feijóo censura o proceder do alcalde de Barbadás
O aumento das taxas das Escolas Deportivas Municipais era o asunto máis polémico que o pleno ía tratar e non defraudou. Núria Feijóo lembra que o aumento dun 120% destas taxas «deixa fóra a moitas familias e crianzas que por unha cuestión económica non as van poder inscribir, algo que para nós e grave e que non se xustifica de ningunha maneira».
Durante o pleno, os grupos municipais do BNG e o PP tiñan previsto ceder o uso da palabra a unha persoa que representase ós afectados polo aumento destas taxas. A negativa do alcalde á intervención desta persoa «racha co que viña sendo unha norma non escrita neste Concello desde hai décadas» segundo a concelleira nacionalista.
Lembra Feijóo que «a cesión de turnos de intervención foi no noso Concello unha práctica habitual, tanto nos mandatos do Alcalde actual como co anterior, polo que entendemos que aínda que no Regulamento Orgánico Municipal puidera non estar recollido, esta cesión de turnos, formaba parte da memoria colectiva desta institución».
Critica a concelleira do BNG que «o Alcalde vén de tirar por terra, truncando dese xeito a democracia e a participación veciñal nos asuntos públicos». Para evitar estas situacións, o BNG proporá unha modificación do Regulamento Orgánico Municipal. Sarín Núñez, portavoz do BNG de Barbadás, indica que solicitarán a modificación do artigo 32.5 que regula «a participación da veciñanza nos Plenos».
O novo texto indicaría que «se conteña a posibilidade que cada Grupo político poida ceder os tempos da súa intervención durante a defensa das súas mocións a calquera veciña ou veciño, representante dun colectivo social ou veciñal, cedéndolle mesmo o seu asento para a realización de dita intervención».