O voceiro de Podemos Ourense, Francisco Diéguez, presentou unha solicitude oficial para que o Concello aplique medidas fiscais sobre o Imposto de Bens Inmobles (IBI), segundo establece a Lei estatal de Vivenda 12/2023.
O obxectivo é fomentar o alugueiro das vivendas baleiras e combater a crecente crise habitacional na cidade.
Podemos Ourense pide medidas sobre o IBI para afrontar a crise da vivenda
Segundo datos do Observatorio da Vivenda de Galicia, o prezo medio do alugueiro na comunidade incrementouse un 7,35% no último ano. Ademais, Ourense conta cunha elevada porcentaxe de vivendas desocupadas, con máis de 14.968 inmobles baleiros en 2021, segundo o INE, e unha estimación actual de preto de 20.000, o que representa máis do 22% do parque inmobiliario.
A Lei 12/2023 permite que os concellos incrementen o IBI entre un 50% e un 150% para inmobles desocupados sen xustificación durante máis de dous anos. Porén, a aplicación desta medida depende da vontade política do goberno local.

«É unha medida clave para dinamizar o mercado do alugueiro e garantir o dereito a unha vivenda digna, especialmente para a mocidade, que destina unha gran parte dos seus ingresos ao pago do alugueiro. A negativa do goberno municipal a aplicala demostraría a súa falta de compromiso coa cidadanía», afirmou Diéguez.
Podemos Ourense insta ao Concello a implementar esta medida para mobilizar vivendas baleiras e ofrecer solucións efectivas á crise habitacional que afecta a cidade.