O grupo municipal do PSdeG en Ourense manifestou a súa preocupación tras coñecer, a través dun comunicado oficial do goberno local, que o Concello decidiu dar por rematadas as negociacións sobre a Praza de Abastos número 1 sen acordo.
Esta medida implica a paralización das obras necesarias para a súa reapertura.
O PSdeG critica a paralización das negociacións sobre a Praza de Abastos de Ourense
Segundo a misiva enviada polo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, a decisión foi comunicada por escrito tanto á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia como á asociación de comerciantes da Praza de Abastos. Non obstante, no decurso da mañá deste venres, ningunha das partes confirmara a recepción do documento.
Ante a gravidade da situación, os socialistas urxiron a convocatoria dunha Xunta de Voceiros urxente para esclarecer as motivacións desta decisión. Segundo o comunicado oficial, o goberno local xustifica a súa postura en que, tras realizar diversas concesións, a negociación chegou a un punto que, ao seu xuízo, danaba o interese xeral da cidade e o seu patrimonio.

O PSdeG lembra que, ata o momento, existía un proceso de diálogo entre a Xunta e o Concello para consensuar un plan funcional que permitise continuar coas obras. Unha vez pechado ese plan, trasladaríase aos praceiros para que puidesen presentar alegacións dentro do prazo establecido.
Desde o grupo socialista consideran esta acción «unha nova arroutada» do alcalde, evidenciando, segundo denuncian, a súa incapacidade para alcanzar acordos polo ben xeral da cidadanía. «Neste caso concreto, paraliza unilateralmente a obra máis importante en marcha en Ourense, sen explicacións claras e sen consenso», concluíu a secretaria xeral do PSdeG na cidade.