O grupo municipal do PSdeG no Concello de Ourense levará ao Consello Municipal de Igualdade unha serie de iniciativas para a conmemoración do 8M.
Estas propostas para o Día Internacional da Muller, teñen como obxectivo visibilizar o papel das mulleres na sociedade e promover a igualdade.
O PSdeG de Ourense presenta un conxunto de propostas para a conmemoración do 8M
Ademais, propoñerá tres candidaturas para recibir o premio Clara Campoamor, recoñecendo as súa traxectorias profesionais e a súa contribución á igualdade de xénero.
As candidatas propostas polo PSdeG son a gaiteira Cristina Pato, xa nomeada na edición anterior do premio; as xogadoras de baloncesto Raquel Carrera e Paula Ginzo, ambas con experiencia nos Xogos Olímpicos coa selección española; e a historiadora Rosa María Cid Galante, destacada pola súa defensa da memoria das mestras da República.
Actividades propostas para o 8M
O PSdeG propón recuperar iniciativas xa desenvolvidas en anteriores edicións do 8M, considerando que nos últimos anos non se levaron a cabo actividades significativas por parte do goberno municipal de Gonzalo Pérez Jácome. Entre estas accións destaca a posta en marcha do «rueiro feminino», que comezaría coa figura de Olga Gallego e se estendería a outras mulleres destacadas.



A educación e a concienciación son aspectos centrais nas propostas socialistas. Para iso, consideran fundamental o uso de espazos como centros cívicos e asociacións veciñais para realizar mesas redondas e actividades que promovan o debate sobre a linguaxe inclusiva e a equidade laboral. O obxectivo é que as mulleres poidan compartir as súa experiencias e achegar solucións para alcanzar unha igualdade real e efectiva no eido profesional.
Unha campaña visual para reflexionar sobre a igualdade
O PSdeG propoñerá unha iniciativa visual e interactiva para sensibilizar á cidadanía sobre a importancia do feminismo e a loita pola igualdade. A idea consiste en instalar espellos con mensaxes impactantes en puntos estratéxicos da cidade, como escaparates de comercios, paradas de autobús, edificios públicos e rúas transitadas. As frases, curtas pero contundentes, buscarán xerar reflexión e inspirar acción. Algúns dos lemas propostos son:
- «O feminismo es ti. A igualdade comeza cando a esixes».
- «Se ves desigualdade, non mires cara outro lado».
- «Aquí debería haber máis mulleres facendo historia».
- «Non somos invisibles, somos imparables».
Un 2025 con perspectiva de xénero
O PSdeG aposta pola transversalidade na loita pola igualdade durante todo o ano 2025. Neste sentido, propoñen aproveitar o Día das Letras Galegas, dedicado á poesía popular oral protagonizada polas mulleres, para reivindicar o papel feminino na conservación da cultura galega. Tamén propoñen recuperar figuras femininas na obra de Castelao que denuncian a explotación sexual, a emigración forzada e o servilismo. Finalmente, reafirman a importancia de que o 8M siga sendo un día de sororidade e empoderamento para as mulleres traballadoras, promovendo iniciativas que fomenten a equidade e a participación feminina en todos os eidos da sociedade.