O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou o seu Comité Provincial, onde ratificou por unanimidade o calendario orgánico da Executiva Provincial para as vindeiras semanas.
Levar a cabo as eleccións primarias á secretaría xeral e a celebración do V Congreso Provincial foi o obxectivo principal.
O PSdeG-PSOE de Ourense inicia o camiño cara ao V Congreso Provincial
O partido destacou que este proceso orgánico “serve para darlle voz á militancia dun xeito democrático, algo que nos distingue doutras forzas políticas, ao promover a participación das bases”. Ademais, recalcan que serán os militantes quen decidan o futuro do partido para os próximos catro anos, co obxectivo de construír un proxecto sólido para a provincia de Ourense.
Calendario do proceso orgánico:
- Presentación de precandidaturas: do 27 de marzo ao 3 de abril.
- Recollida e presentación de avais: do 4 ao 11 de abril.
- Campaña de información á militancia: do 17 ao 26 de abril.
- Proposta de candidaturas dos delegados ao V Congreso Provincial: 25 de abril.
- Votación á secretaría xeral: 27 de abril (se hai varias candidaturas). Segunda volta, se fose necesaria, o 4 de maio.
- Celebración do V Congreso Provincial Ordinario: 18 de maio.
Durante o proceso traballarase na elaboración dun relatorio marco que definirá a orientación estratéxica do partido nos vindeiros anos.

O PSdeG-PSOE de Ourense reafirma o seu compromiso de ser “o instrumento máis útil para traballar polos ourensáns, buscando solucións ás súa necesidades e impulsando o progreso da provincia”. A Comisión Executiva fixo balance da situación actual e destacou que o seu obxectivo segue sendo facer avanzar Ourense e responder ás demandas da cidadanía.