Colaboraciones

Sindicalismo en tempos de pandemia

Sindicalismo en tempos de pandemia- Anxo Pérez Carballo, Secretario Comarcal da CIG Ourense

A ninguén se lle escapa que 2020, primeiramente coa crise sanitaria, e posteriormente coa súa vertente social e económica, supuxo un durísimo golpe á clase traballadora.

Xusto cando comezábamos a recuperar dereitos arrebatados en anos anteriores, a raíz da crise de 2008, a recuperar a negociación dos convenios colectivos, a  incrementar a presión ao goberno para a derrogación das reformas laborais e das pensións. En definitiva, cando volvíamos ter o pulso da loita e da mobilización, irrompe unha pandemia que nos trouxo enfermidades, mortes, miseria, precariedade e agrandamento aínda máis da brecha social e económica.

E como en todas as crises, os ricos aumentan exponencialmente os seus beneficios, e os pobres as súas miserias.

Non cabe dúbida de que o maior custo social e humano teñen sido o sufrimento, a enfermidade, as mortes en soidade e as consecuencias psicolóxicas que aínda están por avaliar.

Sindicalismo en tempos de pandemia
Sindicalismo en tempos de pandemia (Anxo Pérez Carballo)

Máis non podemos esquecer que, desde o punto de vista da economía, tamén houbo grandes damnificados.

O primeiro golpe levárono as persoas con contrato temporal ou por medio de ETTs (2.000 no caso de Ourense) que foron directamente expulsadas do mercado laboral, e quedaron sen a cobertura de medidas adoitadas posteriormente como os ERTEs.

Tamén é de salientar que moitas mulleres abandonaron a actividade laboral para centrarse nos coidados das persoas maiores e dependentes, deixando mesmo de estar encaradas na estatística da EPA como poboación activa.

Non esquezamos a sangría emigratoria de mozos e mozas que tiveron que emigrar na primeira fase da crise, e que atopan agora como reféns dunha situación de absoluta precariedade e destrución de emprego.

Desgraciadamente, o diagnóstico que desde a CIG temos feito desde o comezo desta pandemia sanitaria/social e económica, estase cumprindo ao pe da letra.

A patronal, que como norma xeral actuou con indecente picaresca nos ERTEs, está agora aproveitando a ocasión para axustar cadro de persoal, apostar por outros modelos de negocio nas que as persoas sexan prescindíbeis, e bótanse en tromba a facer despedimentos colectivos, destruíndo emprego, tecido industrial e apostando polo mesmo modelo produtivo que tantas veces ten fracasado. Como se non tiveramos aprendido nada do acontecido nesta última década e media.

Adolfo Domínguez, HyM, Massimo Dutti, BBVA, Santander, Caixabank, UNITONO… ERTEs abusivos no sector da automoción, abuso do teletraballo, apropiación indebida de fondos públicos (como ter xente traballando en pleno ERTE), son bos exemplos da situación que estamos a padecer.

E o peor é que nos enfrontamos a todo isto coa lexislación antiobreira que o PP foi aprobando nos peores anos do “austericidio” e que o actual Goberno “de progreso” non ten querido derrogar. Entre todos os exemplos que poderíamos destacar, baste dicir que a Autoridade Laboral non ten competencias para frear un ERE abusivo, que a simple previsión de baixada de ingresos é suficiente para despedir, ou que a empresa pode impoñer unilateralmente as medidas que lle pete, aínda sen acordo coa representación legal dos traballadores.

Sindicalismo en tempos de pandemia

Por todo isto, agora máis que nunca é necesaria a acción sindical. Para reconquistar dereitos; para unha saída da crise galega e xusta; para cambiar o modelo produtivo; para apostar pola posta en valor do noso patrimonio natural, histórico, ambiental e cultural; para o confinamento sexa unicamente sanitario, e non dos nosos dereitos; para parar os abusos das grandes patronais; en definitiva, para un reparto xusto da riqueza e da plusvalía que a clase traballadora xeramos.

Por iso pensamos que o modelo sindical que hoxe representa a CIG é o único posible e capaz de defender os nosos dereitos como clase e como país.

Hoxe, na pandemia, máis ca nunca, acción sindical, combate e loita.

O 1º de Maio é unha data histórica e simbólica que en datas como as que nos tocan vivir, adquiren un especial significado que realza o papel do sindicalismo combativo e de clase que a CIG representa con orgullo.

Anxo Pérez Carballo – Secretario Comarcal da CIG Ourense

Publicaciones relacionadas

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Botón volver arriba