Colaboraciones

O mercado laboral sempre está en movemento

O mercado laboral sempre está en movemento – Rubén Amorín Díaz, Secretario de Comercio, Industria e Autónomos da Executiva Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense

E agora máis que nunca. Logo dunha etapa de “pausa contida”, debido á pandemia da Covid, as transformacións no mercado laboral atópanse nunha aceleración repentina. Uns cambios que se esperaban nun futuro próximo e que xa están presentes debido ás circunstancias.

O mercado laboral sempre está en movemento
Rubén Amorín

As necesidades de traballadores por parte das empresas evolucionan da man da tecnoloxía, o teletraballo e as novas premisas que demanda o mercado. A nivel global, os perfís orientados á tecnoloxía e á innovación son os máis demandados, nun sector que crece continuamente e que absorbe toda a oferta laboral que poida xurdir.

Non acontece o mesmo se pensamos a nivel local. Este escenario non está instaurado na nosa cidade. As mozas e os mozos cualificados non teñen cabida nas posibilidades que aquí se ofertan e teñen irremediablemente que marchar. Esta é a realidade aínda que a solución é máis sinxela do que a priori poida parecer.

O mercado laboral sempre está en movemento

Ante o mundo globalizado actual, a capacidade de crear oportunidades e emprego non é tan complicada como implantar unha gran industria. As empresas tecnolóxicas actuais non precisan de grandes infraestruturas ou vías de comunicación, e poden crear un centro de traballo en calquer localización que ofreza outras vantaxes competitivas.

Este panorama actual pode ser unha boa oportunidade para a nosa cidade, para captar e atraer empresas tecnolóxicas, que xerarán postos de traballo de xente moza, que vivirán en Ourense, que traerán as súas familias e que pouco a pouco farán que a nosa masa social e laboral non se vexa máis mermada, tal como acontece hoxe en día.

O capital humano é moi prezado e as empresas deben de consideralo como tal. As últimas reformas lexislativas levadas a cabo polo Goberno de España danlle aos traballadores e ás traballadoras protección e estabilidade, fronte á excesiva temporalidade e precariedade nos anteriores contratos de emprego.

Nas novas políticas de emprego prima a contratación indefinida e a protección do traballador, e as cifras actuais refrendan o positivo deste xiro no mercado. Os contratos fixos crecen de maneira progresiva e xa supoñen a gran maioría de contratacións. A situación xeral do emprego está mellorando, os traballadores están máis fortalecidos e como reforzo, as novas tecnoloxías están axudando a unha mellor implementación destes cambios.

Polo tanto, as novas demandas do mercado teñen que ir emparelladas coa fortaleza das novas medidas conqueridas polos traballadores e traballadoras. A produtividade e o progreso non están rifados coa loita constante en defensa dos dereitos laborais, e a situación actual do mercado laboral así o refrenda. Como xa comentamos no comezo, o mercado “está máis vivo que nunca”.

Rubén Amorín Díaz
Secretario de Comercio, Industria e Autónomos da Executiva Municipal do
PSdeG-PSOE de Ourense

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Botón volver arriba