A agrupación municipal socialista de Ourense homenaxeou a Alfonso Rodríguez Castelao nun acto fronte á Biblioteca Nós.
A actriz Uxía Morán revisitou os personaxes máis icónicos do autor desde unha perspectiva actualizada.
Os socialistas de Ourense reivindican a Castelao nun emotivo acto
A secretaria de Educación da Comisión Executiva Municipal, Cristina Cruz, destacou o legado político e artístico de Castelao. “Defendeu unha Galicia avanzada, moderna e democrática, pero sempre centrada na súa cultura ancestral como feito diferencial e enriquecedor”, sinalou.
Cruz lembrou tamén a primeira exposición individual do autor, realizada en 1912 no Liceo de Ourense, que logo levou a Madrid con éxito. Lamentou que, a pesar de cumprirse 75 anos do seu pasamento, o Concello non programase actos institucionais en recordo do escritor.

No encontro, os socialistas reivindicaron a vixencia do pensamento de Castelao e instaron a traballar por metas concretas. “O soño de Ourense é unha utopía realizable”, afirmou Cruz, parafraseando ao intelectual rianxeiro.
A Comisión Executiva Municipal leva tres anos organizando actos en defensa da cultura galega. “As palabras de Castelao seguen máis vivas que nunca, e este evento na Biblioteca Nós é a mellor mostra diso”, concluíron os organizadores.