Os traballadores dos centros de menores e entidades do ámbito social que traballan con rapaces e rapazas saen á rúa para protestar polas condicións nas que realizan o seu traballo.
A primeira acción realizada consistiu nunha concentración fronte ó edificio administrativo da Xunta de Galicia en Ourense na rúa da Habana.
Os traballadores dos centros de menores saen á rúa
Durante o acto de protesta, os traballadores que alí se concentraron repetiron as distintas reivindicacións que os levaron a esta situación. No centro das súas reclamacións sitúan a necesidade de aprobar un convenio galego para o sector que regule as condicións de traballo nos centros e entidades do ámbito social que traballan con menores en Galicia.
A necesidade de actualizar os salarios tras varios anos conxelados, reducir ratios, melloras laborais e un aumento dos recursos e orzamentos permitirían ofrecer un mellor servizo ós usuarios destes centros de menores.
Tras esta primeira xornada de protesta, os traballadores e traballadoras indican que seguirán facendo forza ante os responsables políticos para chegar a un acordo que permita resolver este conflito.