O Concello de Barbadás volveu comprobar o funcionamento do transporte urbano da Valenzá tras recibir queixas por unha posible saturación dos autobuses nas primeiras horas da mañá.
Porén, os rexistros de outubro indican que a ocupación se mantivo por debaixo dos 70 pasaxeiros en case todos os servizos.
Barbadás revisa o transporte urbano tras as queixas dos usuarios
O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, contactou coa empresa concesionaria para solicitar información sobre a afluencia. Segundo os datos facilitados, só o 26 de outubro o autobús das 8:00 horas superou esa cifra, con 72 usuarios. A capacidade máxima dos vehículos é de 107 persoas, aínda que a empresa considera que superar os 70 non garante unha comodidade óptima.

Valcárcel lembra que en setembro xa se reforzara o servizo das 14:10 horas para atender a demanda dos escolares que regresan de Ourense. O rexedor considera que os datos rexistrados non avalan as queixas recibidas nas últimas semanas.
O Concello tamén destaca o seu esforzo económico para mellorar o transporte. Neste 2026 achegou 180.000 euros para reducir o prezo dos billetes dos veciños, malia tratarse dunha competencia da Xunta. Ademais, sufraga o transporte do alumnado de Bacharelato e FP ante a falta dunha prestación autonómica.

