Noticias

A versión 3.0 non convence en Seixalbo

A versión 3.0 presentada polo alcalde de Ourense non convence en Seixalbo onde seguen vendo unha redución das frecuencias actuais que ten o servizo de autobuses urbanos.

Tras presentar a proposta inicial para reformular as liñas do transporte urbano, a Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo enviou unha carta ó alcalde de Ourense. Xosé Carballido, presidente da Asociación, indicaba nesa carta que Seixalbo vería reducida a frecuencia de autobuses na nova disposición das liñas.

A versión 3.0 non convence en Seixalbo

Poucos días despois, o goberno municipal presentaba a versión 2.0 da nova distribución das liñas. AS modificacións presentadas melloraban as frecuencias de algunhas liñas. Sen case tempo para analizar esas modificacións, o alcalde presentou xa a versión Alpha 3.0.

Nesta nova proposta, Seixalbo tería unha frecuencia de autobuses de 30′. Servizo que a Asociación considera insuficiente fronte os 15′-20′ minutos actuais. Por ese motivo, a Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo remite unha nova carta a Gonzalo Pérez Jácome para explicar as súas reivindicacións.


Carta da Asociación San Breixo ó Alcalde de Ourense

Estimado Sr. Alcalde:

Completando á información da carta remitida o 4 de outubro, e tras as modificacións das últimas propostas e das conversas que mantivemos nos últimos días, tal como figura na súa páxina de FB, a última versión, Alpha 3.0, contempla unha optimización da líña TRONCAL Norte-Sur que se bifurcará nos seus extremos para integrar más destinos. Entendemos que a liña Covadonga-Expourense sería ampliada ata o Cumial, permitindo así aumentar as frecuencias desde o Cumial ao Norte e viceversa.

Certamente, isto mellora as frecuencias cada 30’ que contemplaba a versión Alpha 2.0, pasando a ser cada 20’, pero reiteramos que empeora a situación actual (frecuencias cada 15’-20’ con paradas no interior de Seixalbo e no Centro de Saúde da Cuña, así como a necesidade de transbordo para coller o tren ou o transporte interurbano). Polo tanto, significa UN PASO ATRÁS respecto da situación actual.

A versión 3.0 non convence en Seixalbo

Situación actual de SEIXALBO :

Queremos destacar que NON son os “autobuses de Seixalbo”, son Liñas transversais Norte-Sur que pasan por Seixalbo, pero que dan servizo a toda a poboación de Ourense.

Liñas NORTE-SUR (Subida)

Neste momento circulan  31 autobuses diarios (6 cada 20’ e o resto cada 15’)

Liñas SUR-NORTE (Baixada)

Neste momento circulan  30 autobuses diarios (8 cada 20’ e o resto cada 15’)

Polo tanto, temos o 77% de frecuencias cada 15 minutos e 23% cada 20 minutos.

Dúas das liñas entran (e saen) ao interior de Seixalbo e as outras dúas hai que collelas na carretera

Resumo:

  • Temos acceso directo ao Centro de Saúde da Cuña e Universidade Laboral cada 30’ desde o “interior de Seixalbo” (importante para xente maior e menores)
  • Temos acceso ao centro (Posío, Alameda e Parque) cada 15’
  • Temos acceso á Estación Intermodal (Tren e Bus interurbano) cada 20’

Calquera cousa que “rebaixe” estas prestacións, evidentemente EMPEORA a situación actual; polo tanto, estando de acordo en que hai que mellorar outros barrios, consideramos que debe facerse “SUMANDO” e non RESTANDO.

Si tal como manifestou vai incrementar o número de vehículos e de condutores, posiblemente sexa útil destinalos a eses barrios máis deficitarios.

Posibles Melloras que solicitamos:

  • Acceso directo á Residencia e a San Francisco
  • Algunha liña que entre ao Campo de Fútbol do Carqueixal (único do Sur de Ourense)
  • Moucho Bus ata Seixalbo

Cuestións que consideramos inasumibles:

  • Que se supriman a actual parada no interior de Seixalbo
  • Que se suprima o acceso ao Centro de Saúde da Cuña

Cuestións que empeoran, pero “tolerables” se van en beneficio de outros barrios:

  • Pasar a tres frecuencias por hora en vez das catro actuais (autobuses cada 20’ en vez de cada 15’)
  • Necesidade de transbordo para ir á Intermodal de ferrocarril e transporte interurbano

AUTOBUS URBANO (Situación actual das Liñas transversais Norte-Sur)

Como xa indicamos,  NON son os “autobuses de Seixalbo”, son Liñas transversais Norte-Sur que pasan por Seixalbo con alta carga anual de usuarios: (Datos PMUS 2011)

  • Liña 1 : 534.732 (Seixalbo-Quintela)
  • Liña 2 : 289.042 (Seixalbo-Cudeiro)
  • A Liña 14 : 388.551 (Cumial-Viso)
  • Liña 33 : 317.768 (Cumial-Quintela)

Total : 1.530.093 usuarios

Esta carga, loxicamente, non se corresponde cos 1.000 residentes en Seixalbo nin cos outros 1.000 da Urbanización zona “Eroski”, Piñeiral, Bemposta, Zaín e Cumial, nin das poboacións limítrofes de Reboredo, Ponte Noalla e Polígono, senón que son tránsitos intermedios.

Estas liñas sumadas as Liña 12 (Expourense-Pino), Liña 13-B (Cuña-Palmés), Liña 16 (Expourense-Vinteún) fan que o tránsito Norte-Sur desde Mariñamansa (e viceversa) teña xa na actualidade frecuencias de 10 minutos.

Polo tanto, insistimos que non é necesario modificar sensiblemente estas liñas para deseñar novas rutas e frecuencias en aquelas zonas con servizo deficitario. Coincidimos plenamente en que hai que mellorar a comunicación en distintos barrios, pero non empeorando o que xa funciona. Como refire a sebedoría popular, “de pouco vale desvestir un santo para vestir outro”

Agradecemos as atencións prestadas ás nosas aportacións e lexítimas reivindicacións, e coa esperanza de ser consideradas, reciba un cordial saúdo.

Xosé Carballido Presas

Presidente Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo

Botón volver arriba