O BNG analiza a situación política en Ourense nunha rolda de prensa á que asistiron responsables da formación a nivel local, provincial e autonómico.
Os concelleiros Luís Seara e Rhut Reza, o deputado provincial Bernardo Varela e os deputados Noa Presas e Iago Tabarés participaron neste acto. Durante o mesmo, fíxose balance dos últimos acontecementos.
O BNG analiza a situación política en Ourense
Luís Seara comezou a súa intervención sinalando que «todo o que está aparecendo estes días, confirma o que o BNG ven dicindo desde o primeiro día neste Concello. Levamos 3 anos denunciandoo e agora a xente sorpréndese».
Ante esta situación, Seara indica que «ao vindeiro Goberno tocaranos levantar alfombras e analizar en detalle como se gastou cada céntimo de euro, e en que situación quedan as finanzas do Concello. Eu avisei en varios Plenos, e ai están as hemerotecas, que Jácome viña a enriquecerse. Para min non é unha satisfacción persoal ter acertado».
Recorda Luís Seara que «é moi revelador, e agora enténdese por qué Jácome, que era un gran defensor da remunicipalización, se convertera da noita para a mañá nun forofo defensor da modelo concesional».
A Deputación de Ourense
O deputado provincial Bernardo Varela recordou o sucedido coa sanción a Manuel Baltar. Un radar de tráfico detectaba ó presidente da Deputación de Ourense circulando a 215 km/h. «Ao amparo do Regulamento da Deputación, solicitaremos a creación dunha Comisión especial de información para que desde o Goberno provincial se aclare cal ten sido o uso que se lle ten dado aos coches oficiais e nos que poderíamos estar nalgúns casos diante dun uso fraudulento dos mesmos para actividades privadas, saber cales son as sancións impostas e por outra banda cal é o uso das tarxetas corporativas que poden aclarar onde se atopaban eses coches e cales son os gastos xerados polos mesmos»
Os deputados Noa Presas e Iago Tabarés indicaban na rolda de prensa que o BNG continuará adiante coa denuncia presentada na Fiscalía. «Os nosos servizos xurídicos están neste momento traballando na presentación da querela e na fianza que a maxistrada do Xulgado de instrución nº 3 nos pide para poder personarnos no procedemento como acusación particular».