A supresión de actividades de conciliación familiar nos centros cívicos da cidade causa indignación en Seixalbo trala comunicación por parte do concello da ausencia de orzamento.
Ante a falta de noticias sobre as actividades que en anos anteriores se realizaban nos centros cívicos durante os meses de verán, a Asociación de Veciños de Seixalbo contactou coas persoas responsables dentro do goberno municipal.
A supresión de actividades nos centros cívicos causa indignación en Seixalbo
A resposta a estas demandas ofreceuna a nova concelleira de Asuntos Sociais, Ana Fernández Nieto, que comunicaba ó presidente da Asociación, Xosé Carballido, que «este ano NON haberá convocatoria por estar esgotado o presuposto«. De cara ó ano que ven, a concelleira anunciou que se incrementaría o orzamento para poder atender estas demandas.
En Seixalbo, esta situación causou indignación por varias causas. Por un lado, non entenden que tratándose dunha actividade que se realiza de forma regular non teña un orzamento adecuado. Ademais, cuestionan en Seixalbo a facilidade coa que contrata o concello as festas e eventos mentres non pode contratar un grupo de monitores para estas actividades.
Numerosas familias facían uso durante os meses de xullo e agosto deste servizo de conciliación que se realizaba nos centros cívicos. Ademais de Seixalbo, os centros da Cuña, A Ponte, As Termas e Colón eran o lugar onde os nenos e nenas de 3 a 12 anos realizaban as actividades.