O partido Ourense Mellor propón ó concello recuperar o camiño Escolar como unha das medidas a implantar coincidindo coa Semana da Mobilidade.
O transporte sostible e os beneficios á saúde das persoas forman parte das ideas propostas por Ourense Mellor. A continuación reproducimos o comunicado publicado e que recolle as súas ideas.
Ourense Mellor propón recuperar o Camiño Escolar
Dende Ourense Mellor, aproveitando a Semana da Mobilidade, que ten coma obxectivo principal poñer en valor os beneficios tanto para a saúde pública como para o medio ambiente, asociados ao uso de modos de transporte máis sostibles -como o transporte público, a bicicleta e a pé-, queremos solicitar ao Concello de Ourense e ao seu Goberno de Democracia Ourensana e Partido Popular:
- A recuperación do proxecto Camiño escolar, tomando medidas activas que impliquen a participación das nosas crianzas, as familias e toda a veciñanza.
- Escoitar a colexios e comunidade educativa a través de reunión e asembleas por barrio, aportando propostas reais para un día a día máis seguro para todas.
- Creación do METROPÉ-OURENSE, un mapa que mide as distancias entre varios puntos e os tempos medios (en minutos) que se tarda en percorrer a pé entre eles.
Este mapa servirá para contribuír a unha nova mobilidade peonil, que substitúe o uso excesivo de medios motorizados polos desprazamentos a pé en distancias curtas. Queremos camiños seguros, sostibles, saudables e con autonomía, porque dende Ourense Mellor estamos convencidas que a nosa cidade ten que ser unha cidade educadora, amable e para gozar dela a diario!!
RECUPERAR A NOSA CIDADE PARA AS VECIÑAS.