Intensa xornada a vivida polos Farrumecos e outras figuras do Entroido da provincia o pasado sábado, 20 de xaneiro con desfiles en Xunqueira de Ambía e Sobradelo.
Os Farrumecos saíron á rúa pola mañá en Xunqueira de Ambía para protagonizar un desfile no que tamén participaron as Bonitas de Sande e Os Felos e Madamas de Esgos.
Intensa xornada dos Farrumecos en Xunqueira
A xornada contou coa animación musical do grupo Aturuxa que encabezaba o desfile polas rúas de Xunqueira de Ambía. Ademais do percorrido polas rúas da localidade, os participantes no desfile tamén visitaron o Lar dos Maiores.
Esas actividades realizadas pola mañá en Xunqueira de Ambía tiveron continuidade pola tarde na localidade de Sobradelo. Os Farrumecos estiveron acompañados tamén polas Pantallas e os Parranfóns que os acompañaron durante o percorrido por Sobradelo e Busteliño.
A charanga A Felga e A Voz das Mouras aportaron a animación musical sendo para este último grupo a súa primeira participación neste entroido. Centos de persoas deron testemuña das moitas falcatruadas que estes persoaxes vivos e xoviais realizaron ata non deixar meco con cabeza.
Os veciños de Sobradelo demostraron unha vez máis a súa hospitalidade e cumpriron a tradición convidando ós asistentes a viandas e brevaxes nos seus patios e ós pés das súas casas. Non faltaron chourizos, salchichóns, xamón, bicas, doces e licores que foron compartidos por todos os alí presentes.
José Luís Valladares, alcalde de Xunqueira de Ambía, estivo presente nesta xornada de entroido e participou na entrega de agasallos. Cerca da noitiña, elixíronse os mequiños gañadores e procedeuse coa votación dos fotógrafos para valorar os 53 mecos que penduran na parroquia. O sorteo do pack Amarante deu como resultado o número 75 marchando así para Santiago de Compostela.
Non queda aí a actividade dos Farrumecos que xa preparan a visita que realizarán este domingo, 28 de xaneiro, a Chantada pola mañá e a Santiago de Arriba pola tarde onde acompañarán ós Volantes e Maragatos, amigos fraternais dende hai anos.