A Deputación reforza as accións culturais que realiza o Campus de Ourense ó outorgarlle dúas achegas que suman 300.000 euros na última reunión da Xunta de Goberno.
Nesa mesma sesión aprobáronse outras axudas en materia deportiva que suporán unha cantidade próxima ós 70.000 euros.
A Deputación reforza as accións culturais do Campus de Ourense
A Xunta de Goberno da Deputación celebrada este luns aprobou as subvencións a entidades deportivas e entidades sen ánimo de lucro para a organización de eventos deportivos. Estas subvencións permitirán a 40 beneficiarios percibir un total de 69.694 euros para o financiamento de actividades realizadas durante 2024.
No ámbito cultural, a Deputación de Ourense aprobou as subvencións destinadas a potenciar a actividade cultural do Campus de Ourense. A primeira subvención, cun importe de 220.000 euros está destinada á promoción e fomento de actuacións e programas en materia de cultura, educación e deporte.
Estas iniciativas baseadas no interese xeral da provincia abranguen o programa de extensión universitaria, cursos e obradoiros, roteiros culturais, cursos de formación teatral, a celebración do Día das Letras Galegas ou o programa de apoio a grupos de investigación.
A segunda subvención concedida ó Campus de Ourense ten un importe de 80.000 euros. Esta achega está dedicada á promoción de accións universitarias relacionadas coa formación en turismo. As principais liñas de actuación deste programa son o termalismo e o reto demográfico.