O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitou esta mañá o Concello da Mezquita para acompañar aos funcionarios da Subdelegación nunha nova sesión informativa do programa “A Administración Preto de Ti”.
Esta iniciativa, posta en marcha a finais de 2022, ten como obxectivo facilitar aos veciños dos municipios de menos de 8.000 habitantes o acceso á administración electrónica.
“A Administración Preto de Ti” achega a administración electrónica á Mezquita
Esta iniciativa ofrécelles información práctica sobre o certificado dixital e a chave permanente.
Durante a sesión, os asistentes tiveron a oportunidade de obter o Certificado Dixital da FNMT e aprender a instalalo nos seus dispositivos móbiles. Esta acción permítelles unha interacción máis sinxela e directa coa Administración Xeral do Estado.
O subdelegado destacou a importancia de conectar o mundo rural coa administración. “O obxectivo do Goberno é chegar a onde non se chega habitualmente, estar no territorio, permitir que o mundo rural estea conectado coa Administración Xeral do Estado. Porque o rural é importante. Aínda que sexa pouca xente a que vive no rural, o Goberno ten o compromiso de chegar a todos eles”, afirmou Santos.

Na súa primeira fase, “A Administración Preto de Ti” chegou a 86 concellos da provincia. Nesta fase expedíronse máis de 1.500 certificados electrónicos e máis de 1.100 chaves permanentes. Co inicio da segunda fase, o programa continuará visitando novos municipios. En febreiro, xa se celebrou en Esgos, Maceda e Castro Caldelas. Está previsto que durante o mes de marzo chegue tamén aos concellos de Amoeiro, Riós e Cenlle, entre outros.