Máis de 300 xadrecistas de Galicia e Portugal participarán este sábado, 7 de xuño, na 18ª edición da Copa Galicia de Xadrez –Maristas Ourense–, terceiro Memorial Emilio Rodríguez.
Este evento terá lugar no polideportivo do Colexio Maristas entre as 16:00 e as 20:15 horas.
Ourense acolle a maior Copa Galicia de Xadrez
O evento foi presentado esta mañá no salón de plenos do Concello, cun acto no que estiveron presentes o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, e a concelleira de Mobilidade, Ana Fernández. Xunto a eles participaron tamén Elías González, de Xadrez Ourense; Luis Ángel Arias, do colexio Maristas; Martín Gómez, xuíz principal do torneo; así como representantes das institucións colaboradoras: Jorge Pumar, da Deputación de Ourense, e Manuel Pérez, da Xunta de Galicia.
Esta edición marca a maioría de idade dun torneo que se consolidou como o máis grande de Galicia e que rende homenaxe a Emilio Rodríguez, profesor do colexio e alma mater do torneo durante moitos anos.
Elías González destacou que nesta ocasión participarán xogadores e xogadoras “desde os 5 anos até maiores de 70”, cunha ampla representación de escolares de 43 centros educativos. O torneo dividirase en cinco categorías: sub8, sub10, sub12, sub14/sub16 e Sénior/Xuvenil.
Entre os participantes destacan figuras como Antía Reboredo Barrosa, campioa galega sub14; Pura Diéguez Nóvoa, campioa sub18; e Artai Lamela, subcampión galego sub8. Tamén competirá Pedro Gil Ferreira, campión sub20 de Portugal, entre outros talentos do xadrez galego e portugués.

A organización convida o público ourensán a achegarse ao recinto para gozar dunha auténtica festa do xadrez, unha disciplina “intelectual, boísima para todas as idades e económica”, segundo subliñou González.