O equipo feminino do Ourense Atletismo logrou o ascenso á Primeira División na Final A disputada en Valladolid, tras unha brillante actuación colectiva.
Cunha actuación sólida e regular, as atletas ourensás finalizaron na segunda posición cun total de 107 puntos, só por detrás do F.C. Barcelona (134 puntos) e por diante do CAPEX (93), asegurando a súa presenza na categoría superior.
As atletas do Ourense Atletismo logran o ascenso á Primeira
O equipo feminino do Ourense Atletismo logrou o ascenso á Primeira División na Final A da Segunda División, celebrada o domingo 8 de xuño en Valladolid.
O ascenso quedou sentenciado antes dos relevos, tras unha destacada carreira de obstáculos. As vitorias individuais foron clave para consolidar o éxito do equipo. Manuela Blanco venceu en pértega cun salto de 3.86 metros; Iria Solera dominou o salto de altura con 1.72; Sabela Castelo brillou nos 3.000 metros lisos cun rexistro de 9:35.36; e Yiset Magali Jiménez impúxose en xavelina con 55.97 metros.
Na Final A da Segunda División, oito equipos compiten nunha única xornada, cunha atleta por proba, buscando unha das dúas prazas que permiten o ascenso á Primeira División. Nesta nova categoría, o formato cambia: tres xornadas, as dúas primeiras con catro equipos e dúas atletas por proba, e unha última xornada entre oito equipos cunha única atleta por especialidade, divididos entre os que pelexan polo ascenso á División de Honra e os que loitan pola permanencia.
Pola súa parte, o equipo masculino, que competía na Final B sen opcións de ascenso, rematou na quinta posición cun total de 12.436 puntos. Aínda pendentes da confirmación oficial, este resultado sitúao no posto 25º da clasificación nacional, un importante salto respecto ao ano pasado, cando finalizaron no 35º cun total de 11.023 puntos.
Entre as mellores actuacións individuais dos homes destacan Fernando Ventura Blanco en pértega (3.76 metros), Antón Cillero —do filial Riazor— nos 100 metros lisos (10.98) e Matías Regueiro nos 3.000 metros obstáculos (10:15.91).

Este novo éxito reafirma a progresión do club ourensán, que supera así un dos retos máis esixentes dende a súa reestruturación no ano 2012.