As Festas de Ourense 2025 celebran este xoves, 19 de xuño, a súa segunda xornada cun programa diverso que combina música, literatura, xogo e tradición para todos os públicos.
Os DJs Ballesteros, Pablo Marques e Diego Mirón porán ritmo á noite, mentres o día ofrece libros, mercado medieval, inchables e atraccións
As Festas de Ourense continúan hoxe cunha xornada chea de animación e cultura
A actividade central da noite será a sesión de Gramola DJs, con Ballesteros, Pablo Marques e Diego Mirón, que animarán os exteriores do Pavillón dos Remedios entre as 23:00 e as 03:00 horas.
Durante o día, a cidade vive unha auténtica festa cultural e familiar. A Feira do Libro de Ourense, no Parque de San Lázaro, estará aberta en horario de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:30 horas. Alí, ademais de adquirir novidades editoriais, o público poderá gozar de actividades paralelas vinculadas á reciclaxe e á animación infantil, como teatro, contacontos, maxia, obradoiros ou recitais poéticos, grazas á colaboración entre Feiras do Libro de Galicia, Ecourense e o Concello.

Outra das propostas máis concorridas é o Mercado Medieval. Este permanece aberto de 11:00 a 00:00 horas nos exteriores do Pavillón dos Remedios, con pasarrúas e animación continua. Esta recreación histórica, que conta con postos de artesanía e gastronomía, ofrece un atractivo extra ao entorno festivo da cidade.
Os máis pequenos teñen tamén espazos pensados para o seu entretemento. No parque xunto á Ponte Romana (na beira pontina), estará operativa de 18:00 a 21:00 horas unha xincana de inchables. As atraccións de feira funcionarán desde as 19:00 ata as 02:00 horas na zona do Parque Barbaña.
Cortes de tráfico
A programación das festas implica tamén restricións de tráfico en varias rúas:
- A rúa Pardo de Cela estará pechada entre a Praza de Concepción Arenal e a glorieta do mundo (xunto ao Pavillón dos Remedios) até o luns, 23 de xuño, polas actuacións musicais.
- Polas atraccións de feira, tamén se cortarán o Paseo Ponte Pedriña e a rúa Porto Carreiro desde as 19:00 horas.