A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou esta mañá o proxecto de orzamento municipal para 2025.
A partir de agora, o documento será remitido á Comisión de Pleno, paso previo para a apertura do prazo de 10 días naturais no que os grupos políticos poderán presentar emendas, tal e como marca o Regulamento Orgánico da institución.
O PSdeG anuncia emendas aos orzamentos 2025 de Ourense e critica a falta de investimentos
O grupo municipal socialista anunciou xa a súa intención de presentar achegas e modificacións ao texto orzamentario, unha vez dispoñan do expediente completo e do preceptivo informe de Intervención. Así o confirmou a edil do PSdeG María Fernández, quen lembrou que, ata o momento, non contan con toda a documentación necesaria para analizar en profundidade o proxecto. “Xa queda menos para coñecer o informe de Intervención e o expediente completo para formular as nosas alegacións”, sinalou.

Desde o PSdeG insisten en que o orzamento debería servir para corrixir «eivas estruturais» que afectan ao funcionamento do Concello, como as concesións en precario ou o elevado Periodo Medio de Pago (PMP) a provedores. “É unha oportunidade para avanzar como cidade, e non para manter o bloqueo actual”, subliñou Fernández.
A edil advertiu, ademais, de varias deficiencias que xa detectaron no proxecto actual, como a “ausencia de investimentos, de planificación a longo prazo e de melloras en infraestruturas”, así como o uso dun remanente de Tesouraría “xa moi comprometido polas débedas herdadas do goberno de Gonzalo Pérez Jácome”.
Entre as áreas máis críticas para o PSdeG destacan a falta de partidas para Vivenda, Igualdade e Benestar Social. “Non falamos de caridade, senón de recuperar servizos públicos desmantelados nos últimos anos”, concluíu Fernández.