As edís do grupo municipal socialista no Concello de Ourense —Natalia González, María Fernández e Alba Iglesias— mantiveron unha reunión coa nova directiva da agrupación de Asociacións Veciñais Miño, encabezada por Xosé Ramón Piñeiro.
O encontro tivo como obxectivo escoitar as demandas da veciñanza e coñecer de primeira man as súas principais preocupacións.
As socialistas de Ourense denuncian o “abandono total” do rural
Durante a xuntanza, as representantes do PSdeG lamentaron que os seis anos de goberno de Gonzalo Pérez Jácome estean marcados polo “abandono dos barrios do rural”. Tamén lamentan a redución do orzamento destinado ao movemento veciñal. A portavoz socialista e secretaria xeral do partido en Ourense, Natalia González, denunciou que “non se está a prestar a atención debida a unha parte imprescindible para a participación cidadá na vida municipal”.

As socialistas lembraron que neste período desapareceu practicamente a Concellería de Participación Cidadá e pechouse a Oficina de Atención ao Cidadán. Tamén se eliminaron os orzamentos participativos e reduciuse ao mínimo o programa de cursos para as asociacións veciñais. Esta redución obrigou ás asociacións a autofinanciarse para manter a súa actividade. “A interlocución entre o Concello e as Asociacións Veciñais está rota; levantouse un muro fronte ás súas propostas e queixas máis básicas”, criticaron.
O grupo municipal socialista comprometeuse a seguir en contacto coa veciñanza e a canalizar as súas demandas ante o pleno municipal. Reclamaron ao executivo de Democracia Ourensana que atenda de forma inmediata peticións relativas a servizos básicos. Entre outros figuran o transporte urbano, a limpeza, o subministro eléctrico ou o saneamento. “Non se pode seguir ignorando o rural nin silenciando ás asociacións veciñais”, concluíron.