Desde hai semanas, a oficina do Banco Santander situada na rúa do Progreso 31, ao carón do Xardín do Posío, permanece pechada.
Esta situación obriga á veciñanza da zona a desprazarse ata a sucursal da avenida de Zamora, xerando un notable malestar tanto entre os residentes como nos negocios da contorna.
O BNG denuncia o peche da oficina do Santander no Posío
Esta mañá, o Grupo Municipal do BNG levou a cabo unha acción simbólica para denunciar o peche da oficina. Colocaron un vinilo no local clausurado co lema “Oficina pechada por exceso de beneficios”, criticando a decisión da entidade bancaria e esixindo a súa reapertura inmediata.

O portavoz municipal do BNG, Luís Seara, advertiu sobre a crecente creación de desertos bancarios. Este fenómeno afecta tanto a zonas urbanas como rurais pola desaparición progresiva das oficinas. “Este proceso está a afectar especialmente á poboación de maior idade, que non dispón dos coñecementos necesarios para operar coa banca dixital”, sinalou.
Seara lembrou que en barrios como A Ponte ou A Carballeira tamén se intentaron pechar oficinas bancarias. “Grazas á mobilización da veciñanza e do propio BNG, conseguimos evitar eses peches”. No caso do Posío, recalca que a situación “contribúe á exclusión financeira dunha parte importante da sociedade”.
O BNG puxo o foco nos elevados beneficios que acumulan as entidades bancarias, a pesar da redución de servizos. Segundo datos achegados polo grupo, o Banco Santander obtivo máis de 12.000 millóns de euros de beneficio no ano 2024 e máis de 3.400 millóns no primeiro trimestre de 2025. No caso de Abanca, os beneficios neste primeiro trimestre superan os 220 millóns, un 40% máis que no mesmo período do ano anterior.
Críticas ó goberno municipal
Os nacionalistas tamén critican a inacción do Goberno municipal. Segundo Seara “nin se ocupa nin se preocupa de evitar o peche das oficinas bancarias e a conseguinte perda de servizos para a cidadanía”. Engade que o alcalde “permite que unha parte importante da sociedade, especialmente a máis vulnerable, quede fóra do sistema bancario”.
Desde o BNG comprométense a seguir loitando contra esta tendencia, tanto nas institucións como nas rúas: “Imos seguir a denunciar calquera intento de peche e estaremos ao carón da veciñanza para evitalo”.