O Concello de Ourense instalou bancos coas cores da bandeira LGTBIQ+ para visibilizar a diversidade, a igualdade e a liberdade afectivo-sexual na cidade.
A concelleira de Igualdade, Noa Rouco, explicou que a acción busca “visibilizar o compromiso do Concello coa diversidade, a igualdade e a liberdade afectivo-sexual”.
Ourense pinta bancos coas cores LGTBIQ+ para visibilizar a diversidade
O Concello de Ourense vén de instalar bancos pintados coas cores da bandeira LGTBIQ+ en distintos espazos da cidade como parte das actividades de celebración do Día do Orgullo.

Segundo Rouco, “non se trata só dun xesto simbólico, senón dunha declaración pública de respecto a todas as identidades e orientacións. O espazo público tamén educa e comunica, e queremos que quen pase por estes bancos sinta que Ourense é unha cidade que defende a diversidade e non tolera a discriminación”.
A iniciativa enmárcase nun conxunto de actividades impulsadas polo Concello para conmemorar o Día do Orgullo LGTBIQ+. O obxectivo é lembrar que os dereitos deste colectivo aínda precisan visibilidade e protección. Esta mesma mañá, a concelleira deu lectura ao manifesto oficial aprobado pola Federación Española de Municipios e Provincias. Isto sucedeu durante a celebración dun acto simbólico celebrado no Parque de San Lázaro, un dos lugares onde se instalou un dos bancos.
O resto dos bancos multicores están situados en puntos estratéxicos da cidade: o Parque do Ribeiriño, no barrio da Ponte; a rúa Doutor Temes, xunto ao edificio de Ferro do campus universitario, nas Lagoas; a rúa Nai Soledad de la Cruz, fronte ao colexio Divino Mestre, no Vinteún; e a rúa Ervedelo, no barrio do Couto.
Con esta acción, Ourense reafirma o seu compromiso cunha sociedade máis inclusiva, na que se recoñezan e protexan todos os modelos de vida e afectividade.