O Concello de Ourense informa de que os descontos actualmente vixentes no transporte urbano manteranse activos até o 31 de decembro deste ano.
A decisión foi aprobada pola Xunta de Goberno Local na sesión celebrada o pasado 20 de marzo, e responde ao compromiso de facilitar a mobilidade da cidadanía con tarifas accesibles.
O autobús urbano de Ourense manterá descontos e será gratis para menores
As rebaixas están co-financiadas polo propio Concello e o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, dentro do plan estatal de axudas ao transporte público.

Ademais, desde o martes 1 de xullo e até finais de ano, as viaxes no autobús urbano serán completamente gratuítas para nenos e nenas de até 14 anos. Para beneficiarse desta medida, os menores só deberán presentar o seu DNI ao persoal condutor no momento de acceder ao vehículo.
O prezo por viaxe coa Tarxeta Milenio ordinaria manterase en 0,31 euros, o que supón unha bonificación do 50% respecto ao custo real do billete. Pola súa banda, os estudantes que dispoñen da Tarxeta Milenio para escolares seguirán pagando 0,21 euros por viaxe, cun desconto do 51,16%. O resto de abonos xa están bonificados ao 100% e non experimentarán cambios.
Estas medidas buscan favorecer a utilización do transporte público como alternativa sostible, accesible e segura para a mobilidade diaria na cidade.