O pasado sábado 28 de xuño de 2025 celebrouse no Pazo dos Deportes Paco Paz a terceira e última xornada da 41ª Copa Deputación de Judo.
Esta cita serviu para pechar a tempada 2024-2025 desta disciplina en Ourense.
A 41ª Copa Deputación pecha a tempada do judo ourensán
A partir das 10:30 horas, preto de 200 deportistas de toda a provincia déronse cita na pista central. O evento destacou tanto pola participación como polo nivel técnico exhibido nas distintas categorías.

A competición, organizada pola Delegación Ourensá de Judo e patrocinada integramente polo Servizo de Deportes da Deputación de Ourense, é a proba máis importante a nivel provincial e o principal viveiro de novas promesas do judo. Dividida en tres xornadas puntuables, a asistencia a cada unha delas foi clave para a clasificación final.
Máis de 200 judokas da provincia participaron na competición máis importante do ano.
As categorías abrangueron dende a Chupetín ( -18 quilos) ata a Xuvenil, mantendo a modalidade OPEN, na que compiten xuntos rapaces e rapazas. Participaron clubs da cidade e escolas de judo de Cambeo, Inmaculada, Allariz e Baños de Molgas. A calor non impediu unha alta afluencia de público, nin restou entusiasmo aos combates.
Antes do comezo da competición, as tres parellas que representaron a Ourense no Open do Mediterráneo de Jiu Jitsu ofreceron unha exhibición internacional. Estas parellas estaban formadas por Alicia Pazo e Álvaro Seoane, Carla Seoane e Beatriz Nesi, e Silvia Iglesias con Alicia Caneiro.
O deputado provincial Rosendo Fernández foi o encargado de entregar as medallas aos campións e a todos os participantes. A Copa Deputación cumpre así 41 edicións, consolidándose como unha das competicións deportivas de formación máis lonxevas da provincia, froito da iniciativa do Maestro Manuel Montero, 8º Dan de Judo.