O grupo socialista no Concello de Ourense presume de ser o máis activo en mocións e iniciativas durante os dous primeiros anos do mandato de Jácome, e comprométese a intensificar a súa labor fiscalizadora para «construír outra cidade posible«.
A portavoz socialista, Natalia González Benéitez, subliñou que “a crítica ante un executivo coma este é sinxela, o difícil é propoñer alternativas reais, e nós fixémolo dende o primeiro día”.
Os Socialistas de Ourense presentan balance crítico e alternativo ao goberno de Jácome
O grupo municipal do PSdeG no Concello de Ourense fixo balance dos dous primeiros anos de mandato de Gonzalo Pérez Jácome cun almorzo informativo ante os medios, no que reivindicaron a súa actividade como o grupo máis propositivo da corporación.

Natalia González Benéitez
Con 46 mocións presentadas no Pleno, 138 rogos e preguntas, máis de 1.000 intervencións en Xuntas de Área e 300 solicitudes de información, os socialistas aseguran que a súa actividade está orientada a construír “un Ourense mellor, máis xusto e inclusivo”. Benéitez anunciou tamén a presentación de emendas aos orzamentos municipais da vindeira semana, centradas en áreas clave como Benestar Social, Vivenda, Igualdade e Infraestruturas.
A voceira denunciou os recortes en políticas sociais, como a eliminación do Comedor sobre Rodas, a precarización do Servizo de Axuda no Fogar ou os atrasos no pagamento ás entidades do terceiro sector. “O goberno local trata os servizos sociais como beneficencia, sen ambición nin compromiso”, afirmou.
José Ángel Vázquez Barquero
Pola súa banda, o edil José Ángel Vázquez Barquero cualificou de “caótica” a xestión municipal no ámbito do termalismo. “A piscina de As Burgas leva pechada máis de cinco anos e o goberno municipal improvisa modelos de xestión sen resultados”, sinalou. Tamén denunciou o estado de abandono do patrimonio arqueolóxico romano e o deterioro das infraestruturas termais.
María Fernández Ojea
A concelleira María Fernández Ojea centrouse na desorganización orzamentaria, asegurando que o Concello adebeda nóminas a parte do persoal municipal, incluíndo policías e bombeiros, e ten pendentes de pago máis de 11 millóns de euros a provedores. Criticou ademais a xestión “en precario” de moitas concesións municipais, que supón un sobrecusto para as arcas públicas e unha perda de calidade nos servizos.
Cristina Cruz Fernández
Cristina Cruz Fernández puxo o foco nas políticas educativas e de igualdade. Reclamou a reactivación do Consello Escolar Municipal e denunciou que o goberno de Jácome “desbotou o diálogo e o consenso” ao non convocar o Consello Municipal de Igualdade, pese ao aumento dos casos de violencia machista. “Instalar bancos coas cores LGTBI non é suficiente, fan falta políticas educativas e culturais serias”, dixo.
Alba Iglesias García
No eido ambiental, a edil Alba Iglesias García advertiu da “inacción total” ante as illas de calor e a falla de refuxios climáticos. “Hai mapas de zonas verdes, pero sen execución. E mentres tanto, continúan talando árbores”, apuntou. En canto á vivenda, criticou que máis do 60% das vivendas do Casco Histórico están en ruínas e case a metade baleiras, mentres os prezos do alugueiro subiron un 68%.
O acto rematou coa promesa da portavoz socialista de intensificar a súa labor durante a segunda metade do mandato. “Outro Ourense é posible e traballaremos para que o cambio político pase por nós” sinalou González Benéitez.