A Verbena do Rella consolídase como un dos grandes eventos culturais do verán en Galicia, cunha edición 2025 que se celebrará o sábado 5 de xullo en Vilavidal (Ramirás, Ourense).
Esta cita, organizada pola escola EBMT Rebulir, reunirá máis de 200 artistas nunha xornada chea de música, tradición e animación para todos os públicos.
A Verbena do Rella 2025 reunirá a máis de 200 artistas en Ramirás
O programa arrinca ás 17:30 horas cun obradoiro de iniciación ao baile tradicional, seguido de xogos populares (18:00 h). Tamén haberá animación de rúa (18:30 h) e o tradicional encontro de escolas de música e baile tradicional (19:30 h), coa participación de agrupacións como Lembranza-Solpor (Celanova), BGD O Irixo, e a anfitrioa EBMT Rebulir.
A partir das 21:00 horas, a festa continúa cunha cea popular con venda de racións e concertos a cargo de grupos de referencia no folk galego. Entre eles figuran Ardentía, Os Faíscas da Pontraga, Os BIruxes, A.C. Xacarandaina, O Fiadeiro, Argalleiros, Charanga A Ponte Vella, Unto Vello e Xúa e de Pé Feito.
O peche da festa será cunha foliada aberta ás 2:00 da madrugada, onde músicos e asistentes poderán improvisar e compartir música ata entrada a noite.

A Verbena do Rella destaca polo seu formato integrador, interxeracional e comunitario, que combina tradición e innovación, dinamizando o rural galego a través da cultura.