O grupo municipal socialista do Concello de Ourense reclama ao goberno local que inste á Xunta de Galicia a asinar unha addenda ao convenio de Xantar na Casa.
Esta reclamación ten como obxectivo ampliar este servizo esencial e dar resposta ás nove persoas que actualmente están en lista de agarda, así como ás futuras solicitudes.
O PSdeG de Ourense reclama ampliar o servizo de Xantar na Casa
A portavoz do PSdeG, Natalia González, trasladou esta petición trala celebración da Xunta de Área de Servizos Sociais. Lembra González Benéitez que xa son 62 as persoas usuarias deste programa de comida a domicilio. Este servizo garante unha alimentación adaptada ás necesidades das persoas maiores ou dependentes da cidade. “Os datos amosan que a demanda supera a oferta, polo que é necesario ampliar os recursos dispoñibles”, destacou.

Os socialistas tamén desmenten as afirmacións do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, quen asegura que a demanda é reducida. Segundo o PSdeG, o servizo conta cunha ampla demanda «a pesar da escasa publicidade que del se fai«. Consideran urxente habilitar crédito suficiente para dar cobertura a todas as persoas solicitantes.
No eido urbanístico, durante a Xunta de Área correspondente, o executivo local confirmou que recorrerá de novo aos servizos do equipo redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), tras ter prescindido anteriormente deles. A encomenda actual céntrase en elaborar un informe específico en resposta aos requerimentos formulados pola Xunta de Galicia ao proxecto remitido polo Concello.
Desde o grupo socialista propoñen recuperar o convenio coa Xunta para financiar os gastos derivados da elaboración e tramitación do PXOM, un acordo que se mantivo vixente ata a chegada do actual goberno local. “É necesario restaurar a colaboración institucional para avanzar con garantías neste documento clave para o futuro urbanístico da cidade”, concluíu González.